mércores, 28 de outubro de 2009

A Coruña acolle unha exposición da fotógrafa Ruth Mathilda Anderson


A Fundación Caixa Galicia da Coruña acolle a partir do venres a exposición «Ruth Mathilda Anderson.

Efe- La Voz de Galicia 28/10/2009

A Fundación Caixa Galicia da Coruña acolle a partir do venres a exposición «Ruth Mathilda Anderson.

Unha mirada de antano», que se compón de 439 imaxes -a gran maioría inéditas- tomadas pola fotógrafa da Hispanic Society en Galicia entre os anos 1924 e 1926.

Esta mostra, que permanecerá na cidade ata o próximo 28 de febreiro, é «o conxunto máis notable» dunha fotógrafa estranxeira en Galicia, indicou en rolda de prensa a directora da Fundación, Teresa Porto, e constitúe un estudo «metódico e analítico» da sociedade galega de principios do século XX.

Trátase dun proxecto que, segundo explicou Porto, arrincou en 2005 -mesmo ano en que comezou a colaboración entre ambas as entidades- e que, logo de visitar Lugo e agora A Coruña, percorrerá todas as cidades galegas, aínda que apuntou que na sede coruñesa da Fundación Caixa Galicia será onde se poida ver a mostra máis ampla.

A exposición está comisariada por Patrick Lenagham e por Migel Anxo Seixas, este último presente no acto desta mañá e que resaltou a «auténtica odisea» que realizou a «galaicista» Ruth Mathilda Anderson, que, coa súa máis de 5.000 negativos, «colleu case de todo».

Para Seixas, as imaxes que se expoñen na Coruña constitúen «un conto de amor dunha namorada con Galicia que nos mirou cunha dignidade e unha fermosura» que, segundo el, as súas imaxes «ben merecían un pé de Castelao».

Así mesmo, no acto presentouse o catálogo da exposición, con máis de 500 instantáneas, e comunicouse que, con motivo do funeral mañá da condesa de Fenosa, Carmela Arias e Díaz de Rábago, aprazouse a inauguración da mostra ata o venres ás oito da tarde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario