domingo, 15 de novembro de 2009

Alberto Sabio: “A transición non a fixo Suárez, pelexouse nas rúas”


A presión social forzou a destitución de Arias Navarro que, segundo o estudoso, “supuña a continuidade do réxime”

Daniel Prieto- Xornal- 13/11/2009

“A bonanza económica dos anos 60 non produciu a transición democrática en España, senón a presión social nas rúas”, sinalou onte o historiador zaragozano Alberto Sabio Alcutén, quen participou na segunda xornada do Encontro de investigadores sobre o franquismo en Santiago. En declaracións a este medio, Sabio, profesor de Historia Contemporánea na Universidade de Zaragoza, explicou que no proceso democrático tiveron unha importancia crucial “os movementos obreiros, estudantís e veciñais”. O investigador asegurou que esa presión foi fundamental para forzar a destitución en 1976 de Arias Navarro, “que supuña a continuidade do réxime”, precisou.

Alberto Sabio, que publicou recentemente El final de la dictadura xunto a Nicolás Sartorius, considerou que existe a crenza “de que o Seat 600 e as lavadoras automáticas garantiron a liberdade política”, cando o verdadeiro motor do cambio “estivo nas rúas, na oposición cidadá”. Na súa opinión, “a idea de que a transición estaba artellada desde 1962 polas autoridades franquistas” tampouco se sostén. Ademais, Sabio negou que os avances sociais foran mérito exclusivo de grandes persoeiros, unha idea “arraigada” na opinión pública. “Suárez, O Rei, Carrillo, Felipe González e outros, sen negar os seus logros, non puideron realizar un cambio desa magnitude”, argumentou. “A transición non a fixo Suárez, pelexouse nas rúas”, dixo.

A influencia do exterior foi outro elemento que posibilitou o avance político. “A presión europea fixo que grandes empresarios se decataran de que en 1975, para facer negocios, era imprescindible ter credenciais democráticas”, apuntou Sabio. Na transición, que o estudoso sitúa entre a morte de Franco, en 1975, e 1977, coas primeiras eleccións democráticas, tamén xogaron un papel fundamental as amnistías de 1976 e 1977. Esta última, segundo o investigador, “foi moi xenerosa cos condenados por delitos de sangue” pero “non recoñeceu as vítimas do bando republicano”, un proceso que “pode favorecer a Lei de Memoria Histórica” sinalou Sabio, que tamén incidiu na necesidade de “retirar a simboloxía franquista das cidades”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario