xoves, 19 de novembro de 2009

"Isto é un vicio"


Begoña Caamaño debuta na novela con "Circe ou o pracer do azul", onde reescribe a experiencia dos personaxes femininos de Homero

MARÉ- Galicia-Hoxe, 19-11-09

En catro meses, nun arrebato literario e nunha especie de convulsión expansiva, Begoña Caamaño escribiu Circe ou o pracer do azul, a súa primeira novela, un libro no que reescribe a historia de Penélope e Circe desde unha perspectiva deminina. A novela, presentada onte en Compostela por Goretti Sanmartín, Víctor F. Freixanes e Uxía, sáese do guión marcado por Homero e narra a historia dunha historia -Penélope- que leva once anos agardando polo retorno do seu home. Cando lle suxiren a probable morte de Ulises, recibe unha carta dunha estraña: unha muller misteriosa e remota que a informa de que o seu home non só non está morto, senón que vive con ela un romance apaixonado.

Cando se lle pregunta se os periodistas son escritores en potencia, ela ironiza sobre a súa profesión: "Non sei cando se fai máis ficción, se na literatura ou no xornalismo, cando fago unha información ou cando escribo". O que si ten claro é que os profesionais dos medios botan moitas veces de menos "romper con eses moldes tan restritivos na profesión, sexa o tempo na radio ou o límites de tantos caracteres exactos nos xornais. A posibilidade de non poñer máis límites que os que determine a propia historia era tentador".

Tamén cre que o xornalismo é "bastante embrutecedor" en canto á linguaxe e "acabamos perdendo moitas palabras ou expresións. Tiña verdadeira necesidade de romper a estrutura sintáctica informativa de suxeito, verbo e predicado".

O feito de estar no Diario Cultural da Radio Galega -onde traballa con tres poetas- non foi un acirre para embarcar na literatura senón todo o contrario: "Dáche vergoña e pudor. Dá a impresión de que agora, como estou no xornalismo cultural e traballo poetas, eu era a que faltaba...". Porén, o experimento foi máis alá e agora recoñece que lle colleu gusto a escribir ficción. Ten xa "algunhas cousas a medio terminar e debo dicir que, para min, escribir foi un vicio desde o primeiro momento".

Begoña Caamaño asegura que volveu a súa mirada aos clásicos porque "como Cunqueiro creo que os mitos son noticia de última hora" e ela, despois de todo, é periodista. Pero esa non foi a súa única razón. Ademais de ser unha apaixonada lectora e unha seareira das mitoloxías, considera "como feminista, que moito do que hoxe somos vén do que se escribiu desde hai moitos séculos". Os arquetipos masculinos e os femininos, "que é o que nos ocupa, seguen aí e se pretendemos crear unha realidade nova, temos a necesidade de repensar o que nos foi legado".

MÁIS ALÁ DE ULISES

O feminismo como fío condutor

O obxectivo de Begoña Caamaño como escritora non foi actualizar un mito e, de feito, cinguiuse ao relato de Homero. O único que fixo, engade, "foi parar a pensar no que el non contou. Todas esas personxaes secundarias de Ulises que non sabemos como pensaban nin como lles afectaban os acontecementos. O relato de Homero estaba cheo de mulleres que son meros accesorios e decidinme a expoñer que pensaban esas señoras.

Desde o meu punto de vista, aquelas mulleres estaban moi descontentas co papel que lles tocaba vivir". Esta perspectiva literaria obedece á mesma perspectiva que ilumina a súa vida: o feminismo. A súa influencia foi, confesa, "brutal, absoluta, gratificante, satisfactoria e moi liberadora". Esa transformación, na que se internou desde a adolescencia, foi tan decisiva que hoxe "non me concibo a min mesma se non é polo feminismo. Creo que segue a ser unha ideoloxía necesaria para os homes e as mulleres. Se queremos unha civilación diferente temos que acabar co patriarcado".

Ningún comentario:

Publicar un comentario