mércores, 30 de decembro de 2009

Fidelidade á terra e á clase


Galaxia publica 73 anos despois "O frade das dúas almas" de Xosé Tobío Mayo, que ía ser editada por Ánxel Casal en Nós xusto cando comezou a sublevación militar do 36

V. OLIVEIRA . Galicia Hoxe

O frade das dúas almas é unha daquelas novelas que "ardeu mal", como diría Manuel Rivas. Este libro de Xosé Tobío Mayo -que tira do prelo Galaxia- ía ser editada por Ánxel Casal en Nós xusto cando comezou a sublevación militar de 1936. Despois de 73 anos e a iniciativa do poeta Víctor Campio -testamentario literario do autor- a obra sae á luz nunha edición ao coidado de Teresa López e Xoán López Viñas, profesores da Universidade da Coruña.

Como indica Campio no limiar, o propio autor encomendoulle que se encargara da publicación desta obra e de dous poemarios inéditos -a segunda parte de Espiñas e Campanadas- "cando cheguen mellores tempos, que de seguro han chegar, aínda que eu xa non poida velos". Foi xusto antes da morte deste mestre republicano de Esteiro, en 1971, logo dunha vida marcada pola fuxida da guerra civil e o exilio en Bos Aires.

"Eu tiña que cumprir o encargo de lle entregar ao pobo de Esteiro os sinais da súa propia identidade, recollidos nunha novela popular e costumista, onde se relata con agudeza e realismo a vida dos seus devandeiros", apunta Campio. O frade das dúas almas -inicialmente titulada Padre Hilarión- é unha novela de iniciación na que se narra a infancia do protagonista, Leliño, e dos seus compañeiros de estudos, Mingos -que marcha emigrado- e Manuel -que se dedicará á vida labrega-. As probas a que son sometidos, a súa iniciación amorosa, a crise vital que se manifesta como crise de fe, son algúns dos fitos desa aprendizaxe. Na novela ten unha importancia especial a cultura popular, das cantigas á literatura oral, e elementos doutros xéneros que contribúen á diversificación do seu discurso narrativo.

Os autores do estudo previo á obra, salientan da figura de Tobío Mayo "o seu compromiso social e político e unha traxectoria persoal que, máis aló do testemuño individual, representa a de moitos homes e mulleres da súa xeración, en certo sentido aínda pendente de ser integrada na nosa memoria colectiva".

Teresa López e Xoán López Viñas sitúan o libro entre as Irmandades da Fala -cando se intentou artellar un sistema literario galego- e a posguerra, xa que a súa versión definitiva é de 1966. De aí que a novela incorpore os ambientes vilegos e urbanos de Compostela e que teña "no popularismo e o humorismo" dúas características principais.

Dividida en once capítulos, O frade das dúas almas é tamén a crónica do "acontecer cotián do mundo labrego e mariñeiro en que creceu o autor". De aí que a obra se demore en describir costumes e tradicións populares. Contos nos que se pon de relevo a retranca dos personaxes populares ou o uso do humor como finalidade exemplarizante. "A tese da obra parece ser que só na fidelidade á terra e á clase social, exemplificadas en Manuel, se pode achar a realización persoal e a felicidade", apuntan os profesores.


A NARRACIÓN

Crítica ó "papel dominante" da Igrexa

"O humor e a ironía son empregados como ferramentas didácticas para nos achegar as súas ideas. Moitas da súas intervencións van criticar o papel dominante da Igrexa na sociedade e a súa nefasta influencia que provoca a parálise da sociedade civil", sinalan os profesores na introdución. Fronte a isto, o narrador "defenderá o pensamento racional e un ideario de raíz socialista". A historia sitúase na comarca muradá -espazo da infancia dos personaxes- e Compostela -onde ten lugar a transición á madurez e onde transcorre a vida adulta-. "Santiago preséntase como o centro simbólico de Galiza, en liña coa construción da imaxe literaria da cidade que foi realizando a narrativa galega".


BIOGRAFÍA

Crónicas á BBC do franquismo

As referencias na historia da literatura galega a Xosé Tobío Mayo (1891-1971), alcumado Conroa, débense a que publicou no exilio bonaerense o poemario Espiñas (1941), cunha capa de Castelao, do que era bo amigo.

Pero antes da guerra civil, Tobío Mayo estudou no Seminario de Compostela, militou no republicanismo e exerceu de mestre no seu Esteiro natal. Co golpe militar de 1936, fuxiu a Bilbao, logo a Bos Aires mais Francia e finalmente, en 1949 retorna a Galicia en pleno franquismo, para volver exercer o maxisterio.

Ademais de poemarios, a produción escrita de Tobío Mayo inclúe moitas colaboracións xornalísticas tanto en Arxentina como en Galicia. Así, un Pepe Tobío aparece entre os colaboradores de Ser, Semanario Gallego de Izquierdas, publicado en Compostela entre 1935 e 1936. O ano do seu regreso a Galicia, tamén participa na revista Sonata gallega de Pontevedra.

Ademais, como lembra Víctor Campio no limiar, dende Esteiro, enviaba cada semana á BBC de Londres unha crónica de medio folio con fortes ataques á política española dos anos sesenta. "Milagrosamente, saíu indemne de tan arriscada aventura!", engade.

1 comentario: