xoves, 3 de decembro de 2009

O segredo da Frouxeira


Un documental de Xosé Abad recupera a historia do último alcalde republicano de Serantes, fusilado polos falanxistas na praia de Valdoviño en 1937

PATRICIA HERMIDA . Galicia Hoxe. 2-12-09

Onde se perderon as pegadas do último alcalde republicano de Serantes? Nas dunas da Frouxeira, na fermosa praia de Valdoviño onde se esfumaron os corpos de tantos desaparecidos na Guerra Civil Española. O documental O segredo da Frouxeira desfai o último camiño emprendido por Alejandro Porto Leis e polos tres homes que intentaron protexelo. E axuda a unha dobre reconciliación: a da comarca de Ferrol co seu pasado, e a das propias familias do político falecido.

A historia desta resurrección, filmada polo director Xosé Abad, iníciase grazas ó azar. Un membro da familia do alcalde fusilado atopa cartas e recortes xornalísticos do seu antepasado. Paulino Gasalla lembra como "hai anos localicei na casa de Alejandro Porto restos de prensa e conteillo á miña sogra, ela amosoume toda a documentación recompilada por este familiar en vida". Pero a muller "non quería pescudar a historia sobre o meu tío, permanecía todo oculto e agochado, mesmo as causas escritas contra el". Ademais, as familias de Alejandro Porto sufrían un enfrontamento dende os tempos da Guerra Civil. E Paulino viuse "superado". Grazas ó contacto co historiador Enrique Barrera, da Asociación Memoria Histórica Democrática e Fuco Buxán, emprendeuse un auténtico labor de investigación ata a resolución final. Vislúmbrase así o destino de Alejandro Porto como último alcalde de Serantes, un concello anexionado en 1941 a Ferrol para ampliar a magnitude da cidade natal de Franco. Tras o triunfo do bando nacional na cidade, o rexedor fuxiu e ocultouse nas covas de San Xurxo ou Covas. No inverno de 1937, os falanxistas asasinárono. Tamén mataron os seus protectores: Modesto del Río, Jesús Milo Loureiro e Avelino Landeira Maneiros.

Pero o documental, que se estreará mañá xoves no teatro Jofre de Ferrol, tamén traza as vidas cruzadas de Alejandro e o seu irmán Eliseo: cunha ruptura ideolóxica en dous bandos que chega ata o presente. Os seus descendentes recoñecen que "algo escuro e tráxico afectaba a toda a familia". Xosé Abad lembra como "os familiares non se coñecían entre eles e había reticencias por un conflito nacido hai 70 anos".

RECONCILIACIÓN

"A película pecha feridas"

Aínda que esta historia asentada na dor remata curiosamente cun final feliz. Mentres as familias enfrontadas pola ideoloxía descubrían o seu pasado común, reapareceron os fortes lazos. Paulino celebra que "o documental serviu para a nosa reconciliación". Segundo Xosé Abad, "acadamos que as testemuñas máis remisas falasen, o documental pecha feridas".

1 comentario: