sábado, 9 de xaneiro de 2010

Os buscadores das vítimas galegas de Videla acusan á Xunta de mentir


Presidencia di que non recibiu ningún documento que o Equipo de Forenses Arxentinos asegura que enviou

Daniel Prieto- Xornal- 07/01/2010

A consellería de Presidencia recibiu hai seis meses, e por escrito, o proxecto do Equipo Arxentino de Antropoloxía Forense (EAAF), que se encarga desde 1984 da exhumación e identificación dos desaparecidos baixo o réxime do xeneral Jorge Videla. O bipartito aprobara un anteproxecto en abril de 2008 polo que a EAAF recibiría 70.000 euros para localizar os galegos desaparecidos durante a ditadura no país austral. Pero a chegada do PP a San Caetano freou en seco a iniciativa.

Presidencia mantén que non lle consta ningunha documentación neste sentido e que despois do 2008 “non se fixo nada, xa que antes non houbo vontade de facelo”. Sen embargo, o presidente do equipo forense arxentino, Luis Fondebrider, declarou a Xornal que, ademais de enviarlle de novo o anteproxecto á actual Xunta en xullo deste ano “e por escrito”, solicitou entrevistarse con representantes do actual Goberno galego sen obter resposta polo momento. “Chamei en numerosas ocasións á actual Xunta e falei co delegado do Goberno autonómico na Arxentina, Alejandro López Dobarro, pero nin sequera obtivemos resposta. De momento todo foi infructuoso”, sinalou Fondebrider.

Por outra banda, Fondebrider explicou que os trámites do convenio coa anterior Xunta “estaban moi avanzados” e que “só quedaban varios trámites burocráticos para formalizalo definitivamente”, matizou.

No novo documento enviado pola EAAF á secretaría xeral de Presidencia, os forenses solicitan “se é posible continuar co trámite de aprobación do proxecto”. A iniciativa, que conta “con todo o aval do Goberno arxentino”, aspira a aplicar “tecnoloxía xenética de última xeración” para identificar os restos que están máis deteriorados.

A entidade arxentina xa identificou a 37 desaparecidos entre 1974 e 1983 de orixe galega. Os especialistas aseguran que, dos 30.000 represaliados pola ditadura arxentina, uns 300 poderían ter orixe galega. O mes pasado, varios membros da EAAF –que mesmo descubriu o paradoiro dos restos de Che Guevara– visitaron Barcelona, Madrid, León e Santander para insistir na necesidade de que os familiares dos desaparecidos da ditadura arxentina en España se sometan a probas de ADN, para lograr identificar aos 600 esqueletes que a entidade ten acumulados nas súas instalacións.

A pesar de que Galicia é a comunidade onde se rexistran máis desaparecidos durante a ditadura arxentina, os forenses non recalaron nesta terra xa que, segundo Fondebrider, “a EAAF non mantén ningún tipo de relación coa Xunta e ninguén reclamou a nosa presenza alí”. Sen embargo, os forenses manteñen moi boas relacións con Ángel Carracedo, xenetista galego de prestixio internacional e director do Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago, que colaborou coa EAAF “en reiteradas ocasións”, precisou.

Ademais, a EAAF non conta “con ningunha mostra de material xenético de descendentes vivos”, asegurou Fondebrider, a pesar de que hai indicios de que unhas cinco familias galegas, que contan con parentes desaparecidos en Arxentina, poderían arroxar moita luz sobre os represaliados. “Sabemos que a Xunta ten esa información, que nós descoñecemos”, engadiu.

A EAAF mantén desde hai máis dun ano un equipo de toma de mostras no consulado arxentino en Vigo, ao que poden dirixirse aquelas persoas que pensen que poden ter descendentes represaliados en Arxentina. Por agora as instalacións “non recibiron nin unha soa mostra de ADN”, explicou Fondebrider, que atribuiu esta situación á “falta de interese institucional”. Por contra, os forenses arxentinos identificaron hai pouco á primeira vítima española da ditadura arxentina, o catalán Manuel Coley Robles.

PROBAS DE ADN EN GALICIA

Malia os impedimentos, a entidade pretende continuar coa realización de extraccións de sangue en Galicia para poder traballar con esas mostras. Os interesados poden dirixirse ao Consulado de Arxentina en Vigo aos números de teléfono 986435199 ou 986435822. A proba é gratuita e confidencial.

2 comentarios:

  1. Agora estou escribindo sobre os ulloáns desparaecidos na ditadura de Videla. Da arrepíos ver as súas historias.

    Os ulloáns desaparecidos na ditadura Arxentina: O caso de Ramón García Ulloa e Dolores del Pilar Iglesias

    <a href="http://aulloaenfotos.blogspot.com/2010/03/os-ulloans-desaparecidos-na-ditadura_14.html2> Os ulloans desaparecidos na ditadura Arxentina: O caso de Rubén Castro Fernández</a>

    Hai outro desaparecido mais: Manuel Gómez Aguirre do que ainda estou a buscar datos.

    Saúdos dende A Ulloa

    ResponderEliminar