domingo, 24 de xaneiro de 2010

Tras Astray, hai 52 iconas franquistas por retirar na Coruña


A CRMH pide que o concello suprima outros 27 símbolos preconstitucionais da cidade non aprobados polo pleno do ano pasado

DANIEL PRIETO Xornal 24/01/2010

A retirada da estatua de Millán Astray do seu emprazamento habitual e o seu traslado a un almacén municipal fixo agromar de novo o debate sobre a supresión da simboloxía franquista na cidade. En cumprimento coa Lei de Memoria Histórica, o Concello da Coruña aprobou en setembro do ano pasado a eliminación de 53 destas iconas, entre eles os nomes de rúas, distincións outorgadas a Franco e outras representacións. A iniciativa saíu adiante cos votos a favor dos dous grupos de Goberno, PSOE e BNG, coa abstención do PP.

Manuel Monge, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), considera que os 52 símbolos preconstitucionais que aínda quedan na cidade“deberían ser eliminados decontado”. E é que, polo momento, o concello só retirou unha desas representacións, a estatua de Astray. “Resulta vergonzoso que o Concello da Coruña non faga cumprir dunha o aprobado no pleno do ano pasado. Ademais, os nomes das rúas que enxalzan aos sublevados continúan decorando a cidade, como a avenida Primo de Rivera, cando deben perder o nome franquista”, engadiu.

Na urbe hai outros 27 símbolos franquistas que, segundo a CRMH, “tamén deberían ser retirados”, aínda que a súa supresión non foi aprobada pola corporación municipal. Trátase de diversos nomes de rúas e centros escolares, escudos de recintos militares, retratos e unha vidreira do palacio municipal.

Monge, que formou parte da comisión de expertos que redactaron o informe coas iconas preconstitucionais da cidade, considera que os retratos dos dous primeiros alcaldes franquistas da Coruña –José Fuciños Gayoso e Hernán Martín Barbadillo– deben ser “quitados decontado” da planta nobre do consistorio herculino. “Participaron activamente no levantamento e na represión criminal de moitos demócratas e republicanos”, explicou. Aínda que a retirada destes cadros fora aprobada por unanimidade polo comité de expertos, “non se retiraron por decisión persoal do alcalde, Javier Losada”, precisou Monge.

Así mesmo, a comisión solicitou a eliminación dos retratos doutros rexedores do palacio municipal “que colaboraron co réxime”. Trátase dos de Sergio Peñamaría de Llano, Eduardo Ozores Arraiz, José Pérez Ardá y López Valdivieso e Eduardo Sanjurjo de Carricarte.

O edificio do consistorio coruñés conta tamén cunha vidreira franquista, “que é ilegal desde 1981”, indicou Manuel Monge. Javier Losada encargou un estudo técnico para evaluar a súa eliminación o que, segundo a CRMH, “é innecesario xa que o ministerio de Defensa retirou unha similar en Toledo”. A CRMH tamén solicitou a supresión do busto do alcalde franquista Eduardo Sanjurjo de Carricarte do Concello.

No tocante ao nomenclátor, a comisión coruñesa propuxo cambiar os nomes da rúa e o peirao Calvo Sotelo; as rúas Cabo Ponte Anido, Fuente Álamo, Diego Delicado Marañón e Disciplina; a praza de José Toubes; as avenidas Salgado Torres e Primo de Rivera e o peirao Almirante Vierna, así como a denominación do grupo de vivendas Pardo de Santallana. “Esas persoas están vinculadas directamente co franquismo”, engadiu Monge. No caso da rúa Disciplina, trátase “da antiga rúa Liberdade, cuxo nome foi suprimido polo primeiro pleno franquista que se celebrou na cidade”, explicou.

Por outra banda, a CRMH reiterou a súa petición de retirada de distincións honoríficas e o nomeamento como Fillos Adoptivos a Manuel Fraga e Laureano López Rodó, que foron ministros durante a ditadura; a Diego Delicado Marañón, presidente da Deputación na ditadura; José Manuel Pardo Santallna, Gobernador civil na ditadura e xefe Provincial do movemento, e a José Calvo Sotelo, “que foi denunciado nas Cortes polo coruñés Santiago Casares Quiroga, Presidente do Consello de Ministros, como instigador do golpe militar do 18 de xullo de 1936”, engadiu o presidente da comisión.

A CRMH solicitou tamén a retirada dos nomes franquistas dos colexios Salgado Torres, Sal Lence, Montel Touzet, Sanjurjo de Carricarte, e do instituto Calvo Sotelo.

Ademais, envioulle recentemente unha carta á ministra de Defensa, Carme Chacón, esixíndolle a retirada de varios escudos franquistas dos edificios militares da Coruña.

A entidade coruñesa tamén propuxo fundir a estatua de Millán Astray para construir un monolito “dedicado aos case 800 represalidos da Coruña”, sinalou Monge, iniciativa á que se sumou “a nivel persoal” o concelleiro de Infraestruturas, Mario López Rico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario