mércores, 17 de febreiro de 2010

A malpocada vida de Lina


Carolina Codina, máis coñecida como Lina Prokofiev, naceu no 1898 en Madrid e no 1918, en San Petesburgo, coñeceu o compositor Serguéi Prokofiev. Os dous namoraron á primeira vista e casaron uns anos despois en Madrid. A partir de aí a vida desta parella debuxa un arco malpocado de peripecias no que non faltou o desamor, a bigamia e o gulag ao que Carolina foi condenada durante oito anos acusada de espía. Unha biografía, escrita por Valentina Chemberdjí reconstrúe agora a historia desta muller que, contra toda lóxica de esposa abandonada, dedicou os últimos anos da súa vida a preservar a memoria do seu marido

JOSÉ OLIVA- Galicia-Hoxe. 15/2/2010

Unha biografía escrita por Valentina Chemberdjí rescata do esquecemento a malpocada vida da española Lina Codina, que foi muller do compositor ruso Serguéi Prokofiev e que foi condenada a vinte anos de traballos forzosos no gulag. Polas páxinas de Lina Prokófiev. Una española en el gulag (Siglo XXI) desfilan nomes cos que mantivo relación nos primeiros anos do século XX, nomes como Picasso, Matisse, Ravel, Falla, Stravinsky, Rubinstein, Andrés Segovia, Rachmáninov, Toscanini, Chaplin, Stanislavski, Gorki, Eisenstein, García Lorca, Coco Chanel ou Diaguilev.

Conta Chemberdjí que o primeiro encontro entre Lina e Prokófiev tivo lugar en San Petesburgo en 1918, "un amor a primeira vista"; e en 1923 casaron en París, viviron felices e tiveron dous fillos. En abril do 1936, tras anos de éxito irresistible a ambos os dous lados do Atlántico, o matrimonio Prokófiev decide trasladarse á Unión Soviética, onde lle espera ó compositor ruso o recoñecemento dun público entendido formado na idade de ouro da música rusa.

Para Chemberdjí, Prokófiev "pecou de inxenuidade ó pensar que lle deixarían compor con tranquilidade se non se metía en política". Os primeiros problemas chegaron cando o réxime estalinista prohibiu a música para dous espectáculos. Entón, "Lina comprendeu moi rápido o que pasaba porque era moi intelixente e, ó comezo da Guerra Mundial en 1941, Prokófiev abandona a súa familia e ela queda soa cos fillos".

Logo da guerra, Prokófiev casou cunha moza do Partido Comunista e en 1948 Lina foi arrestada e condenada a vinte anos de traballos forzados nun campo de concentración no norte polar por espionaxe. "Quedou en liberdade en 1956 e ata 1974 non puido abandonar Moscova para sempre, convertida daquela nunha infatigable loitadora que nunca puido borrar da súa memoria o descenso ós infernos do estalinismo", sinala Chemberdjí.

Chemberdjí coñeceu por primeira vez a Lina cando tiña 5 anos: "Os meus pais dedicábanse á música e todos compartiamos a Casa dos Compositores, e por iso o matrimonio Prokófiev era moi amigo dos meus pais", apunta a autora. Reencontráronse nos anos 60 cando foi posta en liberdade e, de feito, Chemberdjí, que entón tiña uns 22 anos, axudouna a redactar unha carta ó entón xefe do KGB, Yuri Andropov, "quizais máis sensible porque compuña poemas" e "en tres días deixárona saír do país".

Os últimos quince anos da súa vida Lina Prokófiev viviunos en París, rodeada dos seus fillos e netos, e ata creou a Fundación Prokófiev en Londres. Preguntada pola persistencia nesta veneración do compositor, que morrera en 1953 o mesmo día que Stalin, Chemberdjí asegura que "Lina vía o seu marido como unha vítima da súa segunda muller, Mira, e sufriu moito porque o adoraba, cría nel como persoa e como xenio". Este segundo matrimonio carrexou así mesmo unha anécdota curiosa, revela Chemberdjí: "Ó casar con Mira sen divorciarse de Lina, produciuse unha situación xudicial anómala que acabou coa sentenza de que Prokófiev fora bígamo".

Ningún comentario:

Publicar un comentario