luns, 22 de marzo de 2010

A cultura itinerante

O Concello de Santiago inaugura hoxe na Casa das Asociacións a exposición ‘As Misións Pedagóxicas. 1931-1936’ que recupera a “memoria gozosa” da política cultural da II República. Ademais, o acto rematará cunha homenaxe ao galeguista Isaac Díaz Pardo, que incluirá unha cea con cen veciños composteláns.

E.P. Galicia-Hoxe

Un grupo de espectadores ante unha copia de Las Hilanderas, de Velázquez, Cebreros (Ávila), o ano 1932, na Residencia de Estudiantes de Madrid. A imaxe forma parte da mostra. FOTO: AXENCIAS
Un grupo de espectadores ante unha copia de Las Hilanderas, de Velázquez, Cebreros (Ávila), o ano 1932, na Residencia de Estudiantes de Madrid. A imaxe forma parte da mostra.
FOTO: AXENCIAS

Arredor da exposición, que permanecerá aberta ata o 30 de marzo, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Eugenio Otero Urtaza explicou que as Misións Pedagóxicas -creadas en 29 de maio de 1931 polo Goberno republicano- representan un "importante papel" na historia de España e Galicia, xa que supuxeron a "chegada" da información e cultura ás aldeas españolas e galegas nun período no que "80 por cento da poboación vivía nos campos" e "na súa gran maioría non era alfabetizada". Así mesmo, o profesor sinalou que en Galicia a historia das Misións Pedagóxicas empezou o 11 de agosto de 1936, baixo a dirección de Rafael Dieste, cunha viaxe de seis meses polas catro provincias galegas, "a actividade de maior duración de todas as que realizou o Padroado das misións en toda España".

Segundo precisou a concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, no acto de apertura -no que tamén participará o alcalde compostelán Xosé Sánchez Bugallo-, homenaxearase ó intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo. Tras a finalización da inauguración, Díaz Pardo ceará con cen veciños composteláns no restaurante A Costela de Román. O comisario da mostra indicou que a exposición se dividirá en "varios epígrafes" que percorren desde "os antecedentes desa experiencia ata os servizos que ofrecían as misións", como as bibliotecas -máis de 600.000 libros foron repartidos nas vilas-; o Museo do Pobo; teatro; o servizo de música e o retablo de fantoches, que segundo Urtaza, naceu en terras galegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario