xoves, 11 de marzo de 2010

Indíxenas de Guatemala vexadas por militares na guerra claman xustiza


Estímase que foron centos de miles as mulleres violadas, maltratadas e ata asasinadas polo Exército. Esixen que estes delitos sexan considerados crimes de guerra e de lesa humanidade

ÓSCAR OLIVA/EFE . GUATEMALA

Un grupo de indíxenas guatemaltecas que foron violadas por militares durante a guerra que padeceu este país (1960-1996), rompeu onte o seu silencio e con esgazadores testemuños esixiu xustiza por esas aldraxes. "Eu son unha muller indíxena que vivía feliz co meu esposo e un fillo dun mes, ata que un día chegaron homes do Exército á miña casa e violáronme", relatou coa voz entrecortada unha das miles de vítimas destes casos que se calcula que houbo nos anos 80 do século pasado. O seu relato formou parte do denominado "Tribunal de conciencia contra a violación sexual das mulleres durante o conflito armado", un acto simbólico celebrado na capital guatemalteca e organizado por agrupacións humanitarias que desde hai seis anos traballan coas sobreviventes destas agresións. Proxectada nunha silueta para protexer a súa identidade e garantir a súa vida, esta muller narrou os horrores sufridos a mans dos soldados. "Eu gritei por medo, pero ninguén me escoitou, estaba soa, pegáronme e tiráronme ó chan. Primeiro violoume un e logo outro. Eles ríanse mentres me violaban e deixáronme desangrando", detallou.

A muller dixo que, por temor, non lle contou o sucedido nin ó seu esposo nin á súa familia, porque a ameazaron con matala.

Máis anguriante foi o testemuño doutra indíxena, a quen os militares violaron e deixaron embarazada. "Eu estaba na miña casa soa cando chegaron os exércitos (os soldados) e violáronme. (Non) esperteime ata (o) outro día, magoada e sangrada, tirada no chan", relatou.

Segundo esta muller, os militares deixárona embarazada e tivo un fillo que agora lle esixe coñecer o seu pai. "Eu non llo podo presentar porque non sei quen é", dixo. "Non son a única muller que pasou iso. A outras matáronas e dóenos, porque as indíxenas fomos as que máis sufrimos", asegurou.

Resarcimento simbólico

O tribunal de conciencia, explica Maya Alvarado, da Unión de Mulleres Guatemaltecas (UNAMG), ofrece unha especie de "xustiza simbólica e alternativa". Cos seus testemuños, as mulleres non só buscan que se coñeza a súa traxedia senón tamén que os feitos sexan considerados como "crimes de guerra e de lesa humanidade", e sexan xulgados.

Os abusos seguen impunes

O conflito bélico, que acabou en decembro de 1996 coa firma da paz entre o goberno e a guerrilla, deixou máis de 250.000 vítimas, entre mortos e desaparecidos. Ata agora ningún caso de violación sexual foi investigado e moito menos xulgado, polo que os feitos seguen impunes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario