martes, 30 de marzo de 2010

No corazón da historia


A Plataforma en Defensa do Uso Público do Mosteiro de Celanova organiza unha cadea humana para protestar polo traslado do instituto e a construción no monumento dun hotel

MONTSE DOPICO . SANTIAGO

"Pois como é posíbel concibir que o corazón polo que latexa toda a historia deste soar que San Rosendo chamou Villare e que se converteu cos anos neste impoñente conxunto monumental poida ser arrebatado a un pobo coa finalidade de poñelo en mans dunha empresa privada foránea que fará del un edificio sen memoria, sen a identidade coa que chegou a nós e non fomos quen de conservar?". Son palabras de Baldo Ramos, un dos escritores que están a apoiar a Plataforma en Defensa do Uso Público do Mosteiro de Celanova, que mañá a partir das 12:25 horas formará unha cadea humana arredor do claustro do Poleiro coa fin de protestar contra o proxecto de traslado do instituto situado no mosteiro e transformación do edificio nun Parador de Turismo.

O Mosteiro de San Salvador de Celanova, fundado por San Rosendo no ano 936, suma na actualidade máis de século e medio de uso público. Tras a desamortización eclesiástica de Mendizábal, o Estado cedeu a propiedade ao concello, tal como de-sexaban os veciños, que loitaron contra a súa venda en poxa . Unha Real Orde de 1840 e outra Orde de 1842 déronlle o visto e prace á utilización das instalacións para a creación de dúas escolas de primaria, ademais doutras funcións administrativas e de servizos á vila. No 1869 foi cedido parte do edificio aos Padres Escolapios, fundadores dun colexio que tivo 200 alumnos.

Despois tomaron a remuda os Agustinos e os Salesianos, e mesmo a Cidade dos Muchachos do Padre Silva. No 1975 o concello cedeulle ao Ministerio de Educación parte do inmoble para crear o Instituto de Celanova, que hoxe se sitúa nun dos claustros do monumento, o do Poleiro.

O pasado setembro, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, anunciou a construción dun novo instituto en Celanova que, segundo dixo, "será un referente en innovación tecnolóxica e arquitectónica" e permitirá "liberar" o espazo "ocupado" polos estudantes. Asemade, indicou que, en colaboración co concello de Celanova e a Consellería de Turismo, "estudarase a construción" no mosteiro "dun hotel que axude a fomentar o turismo na provincia".

Nos orzamentos de Galicia para o 2010 figura, ademais, unha partida de 150.000 euros para a realización das obras do novo centro de ensino. En realidade, o proxecto non é novo: é defendido polo alcalde da localidade, o popular Antonio Mouriño, desde hai anos, pero a Dirección Xeral de Patrimonio, co Goberno bipartito, freouno. Tamén a Xunta de Fraga amosara reservas ante a iniciativa.

O pasado novembro mudaron, porén, as tornas, ao aprobar o Grupo Parlamentario Popular, en solitario, unha proposición non de lei na que insta a Xunta para que inicie as xestións co Goberno de Madrid para a construción dun Parador Nacional de Turismo no Mosteiro de Celanova. De todos os xeitos, esta proposta non foi incorporada, polo momento, á listaxe de proxectos da empresa pública Paradores Nacionais, disponible na súa web. A proposición non de lei do PPdeG alega, para xustificar a creación do hotel, a falta dunha infraestrutura turística nunha vila dotada dun "rico patrimonio" artístico.

O BNG considera, segundo argumentou nunha pregunta parlamentar, un "auténtico desbaldimento" a construción dun novo instituto "cando xa hai un" en Celanova, e propón que se cubra a carencia de prazas hotaleiras doutro xeito, no marco dunha "involucración activa do Concello" nunha potenciación dos recursos turísticos da zona que puidese atraer iniciativas hostaleiras. Pola súa banda, o PSdeG cre compatible a permanencia do centro de ensino no mosteiro coa creación neste monumento dun hotel.

O alcalde de Celanova apela a un suposto investimento de "15 millóns de euros" que o seu proxecto suporía para a vila. Declarou a La Región que a reconversión do mosteiro nun hotel de catro estrelas de entre 80 e 100 cuartos, "o máis probable é que se faga a través dunha concesión a unha empresa privada" que asumiría a explotación do establecemento. O PSOE e BNG locais forman parte da Plataforma, xunto a representantes da ANPA, dos docentes do instituto e dos alumnos, ademais doutros cidadáns e colectivos.

O claustro de profesores manifestou ante a Xunta a súa oposición ao traslado do instituto. 1.718 persoas asinaron a súa adhesión ás reivindicacións da Plataforma, cuxa voceira, Isadora Gil, lembra que Celanova conta xa cun instituto "moi ben equipado" e opina que, se o concello quere fomentar o turismo, debería coidar o patrimonio cultural e natural da vila. De feito, os hoteis foron pechando.

DATOS

Dúbidas e mais desacordos

Os veciños, -houbo manifestacións e o PSOE recolleu 2.000 sinaturas- temen que a economía local se resinta co traslado do instituto fóra do centro, e que a prometida xeración de postos de traballo non compense, aínda que sobre isto hai desacordos entre comerciantes. Tamén hai oposición a entregar a unha empresa os froitos do investimento público realizado no instituto -construíuse un pavillón deportivo que custou 3 millóns- e o propio mosteiro -premio Europa Nostra de restauración-, e dúbidas sobre se un hotel de luxo favorecerá tanto o comercio local e a participación dos visitantes na vida da vila como outras opcións como os "hoteis con encanto".

Ningún comentario:

Publicar un comentario