xoves, 18 de marzo de 2010

Unha segunda vida

15.03.2010 Novos datos revelan que Juan Tizón traballou para o servizo secreto británico durante o seu exilio en Portugal

MARÉ . SANTIAGO

Un dos poucos retratos conservados de Juan Tizón
Un dos poucos retratos conservados de Juan Tizón

Juan Tizón, o que fora último alcalde de Monforte antes do golpe de Estado do xeneral Franco no 1936, traballou durante o seu exilio en Portugal para o servizo secreto británico. Os novos datos sobre a vida de Tizón serán revelados polo seu xenro, Raúl Solleiro Mella, nun libro que publciará proximamente a Fundación Luis Tilve. Esta colaboración, segundo últimas investigacións, foi a que impediu que o político e escritor galego fose detido polo Réxime de Salazar.

A nova biografía, adiantada por J. Antonio Cardelle, desmonta algunhas das teses sobre a vida de Tizón, nacido na Coruña no 1895, como a de que foi ferroviario.

Autor de varias obras de teatro e de poemarios como Seis cregos escollidos (Versos divinos), Tizón foi un dos intelectuais republicanos reivindicados polo catedrático Xesús Alonso Montero.

Militante do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), Tizón foi adedmais de alcalde de Monforte deputado nas Cortes e presidente da primeira Xestora Republicana da cidade.

Detido no 1934 durante as folgas contra o goberno radical-cedista da II República, pasou algún tempo en prisión. Tras o golpe de Estado do xeneral Franco, intentou organizar a resistencia local á sublevación do exército, formando unha milicia local e incautando armas, pero tras declararse o estado de guerra e ser ocupadas as rúas da cidade pola Garda Civil tivo que fuxir; refuxiándose en casas de amigos portugueses, entre eles Mário Soares, na cidade portuguesa do Porto, onde faleceu e en cuxo cemiterio está enterrado.

En Monforte, durante toda a época franquista déuselle por morto, "paseado" por algúns dos escuadróns da morte falanxistas, xa que foi destruída unha placa conmemorativa que existía nunha fonte por el inaugurada, o que se interpretou como un sinal da súa morte.

Ademias da súa composición satírica en galego seis cregos escollidos, Tizón publicou en castelán Espiando al diablo (1925) ou a peza teatral El cristo del hallazgo, ademais de numerosos artigos xornalísticos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario