venres, 28 de maio de 2010

3º mundo sen médicos


A OMS aproba un inusual código de conduta contra a fuga de sanitarios dos países pobres. EEUU, o maior "importador", anuncia un firme apoio para primar os principios éticos


REUTERS/E.P. . XENEBRA

Os ministros de Saúde de 193 países de todo o mundo aprobaron este venres un inusual código de conduta a nivel global para previr a fuga de médicos e de enfermeiros dos países empobrecidos, nos que supón un enorme esforzo formar un sanitario e onde existe un importante déficit importante deles.

Trátase do segundo código voluntario e non vinculante que se aproba no seo da Organización Mundial da Saúde (OMS) en toda a historia do organismo. Os países membros levaban máis de seis anos negociando para tratar de pór freo ao éxodo de traballadores sanitarios en 60 dos países con menor índice de desenvolvemento.

"Alcanzastes acordos moi importantes sobre asuntos que son un verdadeiro agasallo para a saúde pública de todo o mundo. Grazas a todos os esforzos realizados esta noite, agora temos un código de conduta sobre o recrutamento internacional de persoal sanitario", indicou a directora da OMS, Margaret Chan, durante o seu discurso de clausura da asemblea anual dos ministros do organismo.

Estados Unidos, o maior importador de médicos e enfermeiros, anunciou un firme apoio ao código de conduta, no que as nacións enriquecidas comprométense a antepor principios éticos a criterios económicos, e a aumentar as axudas para a formación de médicos nos países con menos recursos. "Recoñecemos a grave escaseza de persoal sanitario cualificado nos países máis pobres do mundo (...) e estamos comprometidos a proporcionar a axuda que necesitan", sinalou Nils Daulire, director de asuntos globais do Departamento de Saúde e Servizos Sociais do Departamento de Estado de Estados Unidos, quen encabezaba a delegación estadounidense na asemblea anual da OMS, que se celebrou desde o pasado luns en Xenebra.

Os países de Africa subsahariana, que teñen os índices máis elevados do mundo de natalidade e de mortalidade materna, contan apenas co 3 por cento dos traballadores sanitarios, segundo a OMS. Ademais, miles deles prefiren, cada ano, aceptar ofertas de traballo noutros países nos que reciben mellores salarios e nos que contan con maiores oportunidades para as súas familias. As negociacións para a consecución do pacto comezaron en 2004, pero agora foi posíbel pechalo debido a que a actual Administración de Estados Unidos diminuíu considerablemente as trabas impostas polo anterior Goberno norteamericano, segundo un membro do departamento de recursos humanos para a saúde da OMS, Jean Marc Braichet.

Boa parte de Áfica carece xa de traballadores cualificados

Preto de 57 países, 36 deles en Africa e o resto pertencentes na súa maioría ao sueste asiático, carecen de traballadores sanitarios cualificados, segundo datos da OMS. En todo o mundo hai preto de 60 millóns de profesionais -incluíndo médicos, enfermeiros, farmacéuticos e técnicos de laboratorio-, pero se necesitan con urxencia outros 4,2 millóns. "Decenas de miles de profesionais sanitarios son recrutados por outros países cada ano", sinalou Braichet. Os países industrializados, nos que as súas envellecidas poboacións requiren cada vez de máis médicos, recrutan profesionais cualificados nas nacións empobrecidas, para os que supón unha auténtica sangría perder os seus prezados traballadores, cuxa formación require un auténtico esforzo económico e académico. Estados Unidos, Canadá, Australia, Reino Unido e Nova Zelanda son os maiores captadores de sanitarios procedentes de países en desenvolvemento.

SEN OBXECTIVOS DO MILENIO

O único continente que manterá a fame negra

Mans Unidas sinalou que a crise financeira global "que afecta en maior ou menor medida a todos os países do mundo, traduciuse nun aumento da fame e a pobreza en Africa", con até 16 millóns de persoas vivindo con menos de 1,25 dólares ó día "segundo as cifras máis pesimistas", con ocasión do día de Africa que se celebra hoxe.

Neste sentido, a ONG explicou que a caída dos prezos das materias primas, o descenso do turismo, a redución das remesas e o retorno de moitos dos emigrados, xunto co aumento do desemprego, "levaron a que o crecemento económico do continente africano se sitúe nun 1,6 por cento en 2009, fronte ao 4,5 por cento de 2008 e o 6 por cento media de 2002 a 2008".

Desta forma, a organización lamentou que Africa vaia ser "o único continente no que non se vai cumprir o primeiro dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio: erradicar a pobreza extrema e a fame".

Occidente esquilma as súas grandes riquezas naturais

As esperanzas céntranse en que "o continente africano posúe enormes riquezas naturais e un grandísimo potencial humano, garantido pola extrema mocidade da súa poboación", explicou a ONG que, con todo, lamentou que "as leis de comercio pouco favorábeis, os intereses económicos de empresas occidentais e os altos niveis de corrupción interna, impidan que Africa alcance os índices de desenvolvemento que por dereito lle corresponden".

Así as cousas, advertiu de que "son moitos os expertos que sinalan que a crise económica actual demostrou que o desenvolvemento de Africa non pode nin debe depender só da axuda externa".

CADA ANO BAIXA UN 2%

Descenso global das defuncións infantís desde 1990

Un grupo de investigadores da Universidade de Wáshington comprobaron que a mortalidade infantil de menores de cinco anos descendeu en case todos os países do mundo, desde os 11,9 millóns de 1990 aos 7,7 millóns da actualidade, e revisou á baixa, a partir de novos métodos de observación, as cifras de Unicef.

O estudo recolle que a nivel mundial 3,1 millóns de recentemente nados, 2,3 millóns de bebés e 2,3 millóns de nenos dun a catro anos morreron o ano pasado. O grupo de investigadores resumiu que cada ano a mortalidade infantil descende nun dous por cento.

Os resultados da investigación foron publicados na revista médica The Lancet, e nela Knoll e o seu compañeiro de investigación, Christopher Murray, explicaron que a mortalidade dos menores de cinco anos está diminuíndo en todas as rexións do mundo aínda que hai un lixeiro aumento en Suazilandia, Lesotho, Guinea Ecuatorial e Antiga e Barbuda. "Un dos maiores logros dos últimos 20 anos foi este incríbel progreso nos países que historicamente tiveron o maior índice de mortalidade infantil do mundo", dixo Murray. Como exemplo, en 1990 en Etiopía morrían 202 de cada 1.000 nenos menores de cinco anos, unha das taxas máis altas do mundo. Para 2010, a taxa diminuíu á metade, 101 de cada 1.000 nenos. Singapur tivo en 1990 unha taxa de mortalidade infantil de ao redor de oito de cada 1.000 nenos, pero agora ten a taxa máis baixa do mundo con dous mortos de cada 1.000 nenos menores de cinco anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario