xoves, 24 de xuño de 2010

79 anos despois


Diversas asociacións celebrarán o vindeiro sábado na antiga estación de Queixas-Londoño a declaración da I República Galega

REDACCIÓN . SANTIAGO

Distintas asociacións celebrarán o próximo 27 de xuño na antiga estación de Queixas-Londoño os 79 anos trancorridos desde a declaración da afémera I República Galega. Foi, precisamente, un 27 de xuño, pero do ano 1931, un día antes das eleccións ás Cortes Constituíntes da República Española, cando activitas como Campos Couceiro, Eduardo Ponte ou Alonso Ríos declararán que a solución para o problema galego non é a República Española senón a galega. No pleno municipal do día anterior, a proposta da creación inmediata dun Estado Galego á semellanza do que pasara en Cataluña fora posta sobre a mesa, e contaba co apoio dos obreiros composteláns. Ao rematar o mitin o concello da cidade é asaltado, dimitindo inmediantamente todas as autoridades, e Alonso Ríos, que exercía praticamente como o presidente provisorio da Galiza, é declarado presidente da Xunta Revolucionaria da República Galega. Finalmente, a falta de seguimento da proclamación noutras comarcas, logrou o cese da Xunta Revolucionaria en poucas horas.

Porén, a xuízo dos organizadores desta celebración, esas poucas horas da I República Galega deixaron "unha semente no pobo galego que agroma 79 anos despois". Será a antiga estación de Queixas-Londoño, na parroquia de Xesteda do Concello de Cerceda, o lugar que lles servirá á Asociación Cultural Foucelhas, de Ordes, á Revoltaina Cultural da Beira de Bergantinhos da Laracha e á Asociación Cultural Lucerna de Cerceda como marco para a xornada festiva na que se rememorarán os actos do 27 de xuño de 1931.

Trátase, subliñan as asociacións, "un día cargado de simbolismo, no que tentaremos transmitirlle a toda a xente que alí se achegue o sentimento de pertenza a un territorio perfectamente diferenciado e cunha historia de seu que foi escrita fundamentalmente polo movemento obreiro e campesiño". Ademais da vertente reivindicativa, a xornada inclúe un programa lúdico que comezará ás doce do mediodía cun pasacalles de gaiteiros, que se ecargarán de darlle a benvida aos asistentes. De seguido terá lugar un acto no que se explicará a conmemoración e os feitos daquel revolucionario ano de 1931. Tamén haberá unha sesión vermú e tras os primeiros bailes, a xente do Sindicato Labrego Galego organizará o xantar con produtos da zona.

As actividades retomaranse despois do xantar, arredor das catro da tarde, co aberto de estornela organizado pola Liga Nacional de Billarda. Ás cinco da tarde proxectarase Carrilanos, de Rafael Cid, un documental sobre os traballadores do camiño de ferro, os mesmos que se ergueron a prol da independencia de Galiza na revolución de 1932. Ademais, estrearase o documental de Lois Pérez Leira no que se fai unha análise dos acontecementos de xuño do 31 arredor da proclamación da República Galega.

Polo serán, volverá a música coas pandereteiras Bouba, da Pontraga, con Mini e Mero, do grupo A Quenlla, o Leo i Arremecághona e Pablo Constenla.

"Hai que facer a revolución na rúa e por todos os medios"

No mitin na Alameda, previo á asembleia do 27 de xuño en Compostela, Alonso Ríos pronunciou un discurso, recollido por El Pueblo Gallego: "Hai que facer a revolución na rúa e por todos os medios, porque se teñen esgotado xa todas as vías de solución aldraxantes (...) nos Gobernos Civís agóchase o máis denigrante caciquismo (...) as candidaturas formadas ate agora están ateigadas de caciques. A verdadeira vontade galega, democraticamente revolucionaria, aínda non deixou ouvir a súa voz, e conxúrovos cidadáns e que dunha vez por todas fagamos a revolución por riba de todos os poderes centrais habidos e por haber, proclamando a nosa independencia e abrazándose, se fai falla, agarimosamente a Portugal, nosa irmá (...) Cidadáns imos facer a revolución, se é preciso coas armas na man". E engade El Pueblo Gallego "unha ovación clamorosa foille tributada ao home infatigábel que falou con tanta inspiración". Sobre a peripecia vital de Alonxo Ríos, unha das figuras máis carismá­ticas do galeguismo, existe tamén unha película -Afranio- dirixida por Víctor Coyote e protagonizada por Luís Tosar, que dá vida ao histórico dirixente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario