martes, 1 de xuño de 2010

Menores palestinos denuncian o Exército israelí por abusos


Máis dun centenar de rapaces de entre 12 e 17 anos aseguran que sufriron ameazas e malos tratos, e catro deles que foron violados, mentres permaneceron detidos o ano pasado ·· A maioría tiveron as mans esposadas moitas horas e os ollos vendados durante longos períodos


E. P. . XERUSALÉN

Máis de cen nenos palestinos denunciaron ser obxecto de abusos sexuais, de malos tratos e intimidación mentres permanecían detidos o ano pasado baixo a custodia do Exército Israelí, segundo informou onte o diario israelí Haaretz. A rama palestina da ONG Defensa Internacional da Infancia (DCI, polas súas siglas en inglés) recolleu máis de cen testemuños detallados de menores, de idades comprendidas entre 12 e 17 anos, que permaneceron o ano pasado en centros do Exército israelí. A ONG pediulle a Nacións Unidas que investigue estas denuncias.

Dos testemuños recolleitos, uns 69 menores de idade queixáronse de que os losquearon, de recibir patadas e de ser golpeados, ás veces coa culata dun fusil ou cunha porra, por parte dos soldados israelís. O 97 por cento dos nenos, incluídos os de entre 12 e 15 anos, tiveron as mans esposadas durante moitas horas e o 92 por cento aseguraron que tiveron os ollos vendados durante longos períodos de tempo.

Aproximadamente a metade dos nenos explicou que os soldados os ameazaban antes de interrogalos para que confesasen os cargos que se lles imputaban. A outros nenos instáronos para que confesasen coa falsa promesa de que serían liberados inmediatamente, segundo a ONG. Nas declaracións tamén se recolleron denuncias de abusos sexuais, verbais e físicos. Catro menores de idade informaron que os agrediron sexualmente e doce aseguraron que os ameazaron coa agresión sexual, unha ameaza que ía acompañada de violencia física, recolle o diario israelí.

OS INTERROGATORIOS, REXISTRADOS

Israel afirma actuar coa lei na man

Fontes militares aseguráronlle ó diario Haaretz que os interrogatorios dos menores están rexistrados, excepto os interrogatorios realizados polo servizo secreto israelí Shin Bet, que están exentos por lei. A oficina do voceiro do Exército rexeitou a denuncia e alegou que as detencións de menores se realizan conforme ó Dereito Internacional e que estas detencións de menores de 16 anos en Cisxordania requiren a aprobación dun avogado militar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario