xoves, 22 de xullo de 2010

A mortalidade materna, unha das crises máis silenciadas da historia


Cada minuto morre unha muller por causas relacionadas co embarazo ou co parto; o 50% na India, Nixeria, Paquistán, Afganistán, Etiopía e na República Democrática do Congo ·· O G-8 acaba de aprobar un deficiente plan de axuda, que elude tratar a planificación familiar e o aborto
MARGA TOJO . SANTIAGO
Cada minuto de cada día morre unha muller por causas relacionadas co embarazo ou co parto, 550.000 mulleres cada ano, 10 millóns por cada xeración. A probabilidade de que unha xestante do Estado español faleza por estes motivos é de unha entre 26.000. Para unha muller de Serra Leoa, a expectativa elévase a unha entre corenta e oito. Preto do 80% de todas as defuncións de embarazadas ou novas nais acontecen en vinte e un países; o 50%, céntranse en seis: India, Nixeria, Paquistán, Afganistán, Etiopía e a República Democrática do Congo. A mortalidade materna constitúe unha das crises sanitarias e humanitarias máis silenciadas da historia, segundo considera a Red Activas -unha plataforma conformada por once ONG centrada na redución da lacra-, "un tema de mulleres nun sistema universal patriarcal", que en vinte anos apenas minguou. Non obstante, un recente artigo publicado en The Lancet, subliña que as políticas preventivas de apoio á maternidade nos países pobres comezan a dar os seus froitos.
Coa noticia aínda fresca de que o G-8 reunido en Toronto a pasada fin de semana aprobou un plan de axuda á maternidade en África -que a maioría das ONG consideran moi deficiente- Marta O"Kelly, directora do proxecto, conversa con este xornal despois do encontro europeo que a Coordinadora Galega de ONGD celebrou onte en Santiago. "Tiñamos bastantes espectativas en que o G-8 impulsase esta alianza ou que se crease un fondo específico para saúde materna -conta, a piques de subir a un avión que a levaría a Bruxelas-, pero deseguida Canadá dixo que non potenciaría a planificación familiar, pero si a saúde materna, o que xa nos deu a idea de que non ían entrar nos temas conflitivos: ni en aborto, nin en planificación, e sen iso, non podes traballar a saúde materna, porque estás a eliminar non só o dereito a elixir o número de fillos, senón o impacto que ten na saúde da muller ter tantos fillos dun modo tan seguido".
A finais do pasado mes de maio, Julien Potet, responsábel de incidencia política de Oxfam Francia apremaba desde estas páxinas ao grupo dos oitos a elevar os perfís do plan: "O G-8 debe demostrar o seu valor político e acabar coas grandes carencias dos sistemas sanitarios nos países do sur. Cada ano, os 49 países máis pobres do mundo quedan sen os 40 mil millóns de dólares necesarios para actualizar os seus sistemas de saúde pública a niveis adecuados. Este é un custo moi baixo para brindar acceso a asistencia sanitaria de calidade universal, especialmente para as decenas de millóns de mulleres que cada día arriscan a súa vida ao daren a luz".
"Agora, de cara ao cumio de Nacións Unidades do mes de setembro temos a oportunidade de revisar ben o plan do G-8 e pedir maiores compromisos", matiza O"Kelly.
A mortalidade materna, o quinto Obxectivo do Milenio, tivo moi deficientes avances nas útimas dúas décadas, a pesar de que a ONU contemplaba para 2015 unha diminución do 70 por cento no número de mortes de mulleres por mor dun embarazo ou dun parto; é dicir, reducir a mortalidade até 107 por cada 100.000 nacementos, cando en 1990 se encontraba en 420 e actualmente aínda se acha en 400. "O feito de que estea dentro dos obxectivos do milenio implica que si hai conciencia do problema. Aínda que a revisión de 2010 amosa certas melloras resulta moi difícil que se vaia conseguir o obxectivo. Pense que países como Etiopía ten unha taxa de mortalidade materna de 638 mortes de mulleres por cada cen mil nacidos vivos, en Níxer son 678 as donas que falecen, en Senegal arredor de 400...", puntualiza.
A directora de Red Activas dá como explicación aos escasos progresos a complexidade do problema "porque é de índole sistémico, non se resolve coa simple subministración dunha vacina ou dun tratamento". Tampouco, di, existe unha aposta política forte, "non entra dentro da prioridade das axendas dos gobernos globais e sen iso non se vai resolver". "Necesitamos atención por parte de persoal cualificado durante o embarazo e o parto, o que require que os países teñan políticas de recursos humano-sanitarios fortes, que se fortalezan tamén as institucións formativas do persoal, material e equipamento de atención de emerxencias obstétricas, pero non hai nin estradas adecuadas nin por suposto ambulancias nin gasolina para mantelas. Cada vez esténdese máis a rede de servizos de saúde, pero adoitan concentrarse todos na capital. En Sédhiou soamente hai unha matrona por cada 42.462 habitantes e necesítanse 54 máis para evitar que as nais sigan morrendo para teren os seus fillos".
O 99% das mortes maternas ocorre nos países en desenvolvemento. O 50%, en África.
EMBARAZOS E ABORTOS INSEGUROS
· Cada ano prodúcense no mundo entre 16 e 50 millóns de embarazos con problemas como hemorraxias, infeccións, fisuras cerebrais, hipertensión, anemia e fístula obstétrica.
· Cada ano 50 millóns de mulleres abortan, moitas de forma clandestina e en condicións sanitarias pésimas con risco de morte.
FÍSTULA OBSTÉTRICA
· Entre 50.000 e 100.000 mulleres enferman cada ano por mor da fístula obstétrica, unha afección física e psicoloxicamente devastadora que provoca marxinación e exclusión social.
VIH/SIDA
· Aínda que aproximadamente o 50% dos 33 millóns de persoas que viven con VIH/sida no mundo son mulleres, en rexións como África Subsahariana supón o 76% e teñen entre 15 e 24 anos.
MATRIMONIOS TEMPERÁNS
· Máis de 60 millóns de mulleres de 20 a 24 anos casaron en todo o mundo antes de cumprir os 18 anos.
· 70.000 nenas morren todos os anos como resultado das complicacións derivadas do embarazo ou do parto.
· O matrimonio forzado a idades temperás fai que as mozas e nenas sexan máis vulnerábeis á violencia de xénero, que teñan menos probabilidades de recibir unha educación, corran un maior risco de contraer o VIH/sida e haxa máis probabilidades de dar a luz antes de que estean fisicamente preparadas.
MUTILACIÓN XENITAL FEMININA
· Entre 120 e 140 millóns de mulleres foron mutiladas.
· Cada ano son mutiladas 3 millóns de mozas e nenas.
· En Europa, hai 180.000 mulleres en risco de mutilación.
· En España hai máis de 10.000.

Ningún comentario:

Publicar un comentario