luns, 2 de agosto de 2010

Sepultan 800 vítimas de Srebrenica dez anos despois do xenocidio


A Comisión Internacional para Persoas Desaparecidas estableceu, mediante análise de ADN, a identidade de 6.481 persoas asasinadas tras a caída da cidade, na que houbo 8.100 mortos

EFE . SARAIEVO

Os restos mortais de 775 vítimas identificadas da matanza de Srebrenica serán sepultadas hoxe no memorial de Potocari, nos arredores dese antigo enclave do leste bosníaco, durante a conmemoración do décimo quinto aniversario da traxedia. Un convoi de camións cos restos mortais das vítimas, que hoxe se sumarán ás xa enterradas en Potocari, chegou antonte á noite a Srebrenica desde o depósito da cidade central bosníaca de Visoko e foi recibido por uns 2.000 familiares desas persoas.

O acto de hoxe será o maior enterro colectivo de vítimas da matanza ocorrida o 11 de xullo de 1995, cando as tropas serbobosníacas do xeneral Ratko Mladic conquistaron o enclave -daquela zona protexida da ONU- poucos meses antes da fin dunha guerra civil que enfrontou durante tres anos e medio en Bosnia a musulmáns, serbios e croatas.

O Parlamento Europeo proclamou o 11 de xullo día de conmemoración do xenocidio de Srebrenica en toda a Unión Europea.

Ata agora, foron sepultadas no cemiterio de Potocari 3.749 vítimas da matanza, identificadas polo ADN. Á pequena cidade de Srebrenica chegaron xa unhas 5.000 persoas para asistir á conmemoración do aniversario do que se considera o maior crime en Europa desde a Segunda Guerra Mundial.

Calcúlase que unhas 50.000 persoas acudirán ó acto, incluídos altos cargos bosníacos e de países veciños, así como representantes de Turquía, Bélxica e de institucións europeas, entre outros.

A cerimonia do domingo, que se celebrará segundo o rito islámico, comezará coa lectura dun poema sobre Srebrenica do escritor e guionista bosníaco Abdulah Sidran. Uns 8.000 homes musulmáns foron asasinados cando as tropas serbobosníacas tomaron Srebrenica, nunha matanza que as institucións xudiciais internacionais cualificaron de xenocidio.

Quince anos despois, o que foi comandante militar serbobosníaco Ratko Mladic, un dos principais acusados do xenocidio en Srebrenica polo Tribunal Penal Internacional para a antiga Iugoslavia (TPIY), segue prófugo da Xustiza.

Outros ex altos cargos militares e civís serbobosníacos foron condenados por estes crimes e algúns están sendo procesados ante esa corte, entre eles o antigo líder político Radovan Karadzic, capturado hai dous anos en Belgrado.

A Comisión Internacional para Persoas Desaparecidas informou de que ata o momento púidose establecer, mediante análise de ADN, a identidade de 6.481 persoas desaparecidas tras a caída de Srebrenica e, en base ó número de peticións calcúlase que hai 8.100 vítimas.

A FIFA non accede á homenaxe

Os bosníacos lamentaron a decisión da FIFA de non manter mañá un minuto de silencio en memoria da traxedia de Srebrenica, antes da final do Mundial 2010 entre España e Holanda. A Sociedade Internacional de Pobos Ameazados e asociacións de sobreviventes da matanza pediran que se gardase un minuto pero a data coincidía coa detención, hai 50 anos, de Nelson Mandela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario