xoves, 2 de setembro de 2010

A evolución da sociedade nas imaxes dun século


29.08.2010 O historiador José María Sánchez Molledo xuntou en ‘Carabanchel. Un siglo de imágenes (1860-1960)’ un conxunto de fotografías representativas da evolución dunha sociedade, partindo do que era unha zona rural e que hoxe é un distrito máis da cidade de Madrid

HENRIQUE NEIRA

Sánchez Molledo –quen foi colaborador do suplemento Descubrir de O Correo Galego– coñece perfectamente non só a actualidade do distrito madrileño de Carabanchel –onde vive– e dos seus ‘irmáns’ de Usera e Latina, senón o seu pasado: é o autor de traballos como Evolución histórica de un concejo de aldea madrileño: los Carabancheles (1999) e de Carabanchel: un distrito con historia (2004). O que agora publica é a memoria gráfica da transformación ó longo de cen anos do que era unha zona rural próxima á cidade de Madrid a unha zona urbana plenamente integrada nesa capital.

Non se trata só de lugares ou paisaxes, senón tamén, e fundamentalmente, de persoas, en solitario ou en grupo, multitude de detalles que revelan os cambios da vida entre 1860 e 1960, cambios que contrastan aínda máis coa nosa actualidade.

O libro conta cunha introdución e dez capítulos nos que se distribúen as imaxes, cada unha delas cun pé de varias liñas nos que se achegan datos aclaratorios sobre o que podemos ver –ou intuír– nelas e que constitúen un bo complemento. Aborda cada un dos capítulos un tema ben definido: os Carabancheles (1900-1936), o campamento militar e o aeródromo, a ponte de Toledo e a ermida de San Isidro –santo carabancheleiro ó que en Galicia chamamos tamén San Cidre–, o hospital militar, as prazas de touros, a Guerra Civil, os tempos difíciles, a reconstrución, a prisión provincial e finalmente personaxes ilustres relacionados cos dous Carabancheles.

O concelleiro presidente do Distrito, Carlos Izquierdo, lembra na introdución da obra que Carabanchel Alto e Carabanchel Bajo foron desde os tempos medievais as aldeas máis próximas a Madrid e "paradigma" do mundo rural fronte ó urbano, o da Corte Real. Foron lugares de residencia de reis e de nobres polo seu clima saudable e pola proximidade á capital, de xeito que moitos deles aproveitaron para construír palacios ou residencias para as épocas de descanso.

E houbo un concello independente ata 1948, formado polos actuais distritos de Carabanchel, Usera e Latina. A pradeira e ermida de San Isidro e a chamada ponte de Toledo, que une Carabanchel a Madrid desde o século XVIII, están entre os lugares con máis historia, aínda que en épocas máis recentes o nome do distrito soaba moito pola antiga prisión, pechada hai uns anos.

A Guerra Civil supuxo a destrución de numerosos edificios e rúas que deberon ser reconstruídas na posguerra. A anexión á capital propiciou a mellora de infraestruturas pero tamén pola mesma época sucedeu a chegada do fenómeno do chabolismo, que tardaría décadas en erradicarse, debido á chegada masiva de nova poboación que aspiraba a conseguir traballo en Madrid.

En total, o libro de José María Sánchez Molledo achega 242 imaxes que plasman dun xeito ou doutro eses cambios, esa evolución que non se detivo. Desde as mulleres da portada que van por auga á fonte, acompañadas por un burro coas súas alforxas, ata a chegada do metro de Madrid na década dos sesenta.

Vemos a destrución causada pola Guerra Civil pero tamén a construción de novos edificios en distintos momentos da historia recente.

Hai fotografías de finais dos anos cincuenta que amosan aínda labores agrícolas realizados ó xeito tradicional, por exemplo empregando o arado romano para traballar unha leira.

E ó mesmo tempo, nesa mesma época, non faltan imaxes de famosos e famosas que visitaron os Carabancheles: Sofía Loren nunha corrida de touros na praza de Vista Alegre en 1956, o Che Guevara no mesmo lugar ou o actor e cinesta Orson Welles conversando cun toureiro. Pequenas historias de persoeiros ben coñecidos que deixaron a súa pegada no lugar: o global dentro do local. As festas, os equipos deportivos, os oficios... son imaxes dun mundo que xa pasou pero que en moitos casos aínda está aí, na memoria das persoas que o viviron.

A editorial que sacou do prelo o volume, Ediciones Amberley, publicou recentemente un libro de tema galego, Vida y época de Vicente Risco.

Ningún comentario:

Publicar un comentario