sábado, 30 de outubro de 2010

Un documental deita luz sobre o xenocidio da ditadura uruguaia


HÉCTOR J. PENA 27/10/2010
O salón de actos do Instituto de Estudos Padre Sarmiento acolle hoxe ás 20.00 horas a proxección do documental Las manos en la tierra. A película, producida por Aceituna Films e dirixida por Virginia Martínez, conta a historia dos traballos de escavación que desenvolveron un grupo de arqueólogos da Universidade da República de Uruguai en xuño de 2005, cando entran por primeira vez na historia do país nun cuartel militar, co fin de atopar os restos dunha serie de represaliados durante a ditadura uruguaia, que tivo lugar entre 1973 e 1985.
Á proxección asistirán José López Mazz, arqueólogo da Universidade de Uruguai e director das escavacións reflectidas no documental; Lourenzo Fernández Prieto, director do proxecto Nomes e Voces, e Felipe Criado Boado, director do laboratorio de patrimonio do CSIC. Despois da proxección terá lugar unha charla-coloquio entre estes persoeiros e o público asistente.
A MEMORIA ERA IMPENSABLE
Os doce anos de ditadura militar en Uruguai estiveron marcados pola prohibición dos partidos políticos, a ilegalización dos sindicatos e os medios de comunicación e a persecución, encarceramento e asasinato dos opositores ao réxime establecido por Bordaberry no ano 73. A Comisión Uruguaia Para a Paz recolle no seu informe final que durante a ditadura, nas cadeas uruguaias morreron un cento de persoas e houbo máis de 174 detidos desaparecidos. Porén, no 2005 admitiuse a posibilidade da existencia de restos de detidos desaparecidos, de aí a existencia de Las manos en la tierra.
“O proxecto elaborouse nuns dous anos, xa que obtivo o permiso do Ministerio de Defensa bastante rapidamente”, sinala Virginia Martínez, directora do documental. “Non obstante, isto foi posible pola situación política do país, xa que antes do ascenso á presidencia de Tabaré Vázquez era algo impensable”, engade a cineasta. As escavacións do equipo comandado polo tándem Martínez-Mazz, para o que contaban con tan só dous informes previos, marcaron un antes e un despois na historia do país suramericano. O traballo arqueolóxico foi seguido con enorme interese pola sociedade e os medios de comunicación uruguaios.
Días despois do inicio das escavacións atopáronse uns restos que, tras o análise do ADN, resultaron ser do obreiro do metal, dirixente sindical e militante comunista Ubagesner Chaves Sosa. En 1976 fora secuestrado e dado por desaparecido. Transcorridas tan só unhas semanas dende o primeiro achado, o equipo descubriu a foxa na que estaba Fernando Miranda, profesor de Dereito Civil na facultade da Universidade da República e destacado militante comunista. “A fita presenta bastantes paralelismos co caso español, pero hai que ter en conta que en América estamos á vangarda nos temas de memoria e xustiza”, conclúe Martínez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario