sábado, 22 de xaneiro de 2011

Guantánamo, unha promesa incumprida


O 11 de xaneiro cúmprense nove anos da apertura da base militar de Guantánamo. A decisión do Congreso de prohibir o traslado dos reos a chan norteamericano complica o seu peche
CRIS AMIGO 09/01/2011 - 20:00 h.
O vindeiro martes cúmprense nove anos do traslado dos primeiros 20 prisioneiros, encapuchados e encadeados, desde Afganistán á base norteamericana de Guantánamo e a promesa do presidente de EE UU, Barack Obama, de clausurar o penal parece atoparse en punto morto. Nin os esforzos diplomáticos para que outros países acollan a prisioneiros nin as remodelacións do Centro Correccional Thomson, unha instalación estatal estadounidense infrautilizada prevista para recibir a algúns dos reos, están resultando a solución que prevía a actual Administración norteamericana.
A idea inicial era levar unha parte dos prisioneiros a Estados Unidos para que fosen xulgados; outros serían trasladadados aos seus países de orixe como homes libres ou para ser procesados; e para un terceiro grupo habería que buscar aloxamento en calquera lugar do mundo, preferiblemente en Europa, ben porque nos seus países corrían perigo de ser torturados ou asasinados ou porque era probable que se incorporasen á yihad. Pero en Guantánamo aínda permanecen encerrados 173 prisioneiros –o pasado venres foi transefiro un a Arxel– dos que só tres foron xulgados.
Ao día seguinte da súa toma de posesión, Barack Obama asinaba a orde de clausura da prisión para o 22 de xaneiro de 2010. Pasou un ano e o peche do penal converteuse nunha empresa case imposible. A nova lexislación da Cámara de Representantes de EE UU que prohibe trasladar a sospeitosos de terrorismo desde a prisión militar a chan estadounidense xerou importantes dificultades. O pasado domingo, o propio portavoz da Casa Branca Robert Gibbs recoñecíao na CNN. “Certamente non pechará o mes próximo. Todo depende da vontade dos republicanos de traballar co goberno neste tema”, aseguraba.
O 8 de decembro de 2010, por 212 votos contra 206, o Congreso de EE UU adoptaba o vasto proxecto de lei de orzamentos para 2011 destinado a asegurar o financiamento da Administración estadounidense ata setembro deste ano. Un parágrafo do texto “prohibe a utilización de fondos para transferir ou liberar en chan estadounidense a Khaled Cheikh Mohamed -o autoproclamado cerebro dos atentados do 11-S- ou a calquera outro detido de Guantanamo”. Esta medida entorpece seriamente o propósito de Obama de xulgar aos detidos en tribunais ordinarios, pero tamén pon en serio risco as negociacións diplomáticas para que outros países os acollan. EE UU non quere prisioneiros de Guantánamo no seu territorio, pero si negocia con outros países. “Moitos gobernos europeos dixéronmo, que farían máis se non fose por esta restrición. Iso é un feito, pero non vou criticar a decisión do Congreso”, confesou a un xornalista da BBC o enviado especial para o peche de Guantánamo, Daniel Fried.
O argumento estadounidense foi apelar á “obriga moral” dos europeos de axudar a pechar a prisión que tanto criticaran e, segundo filtracións de Wikileaks, ofreceu inxentes cantidades de diñeiro. No caso de España foron 85.000 dólares por prisioneiro e a promesa de que, así, o país gañaría liderato dentro da UE. España prometeu recibir a cinco. Polo momento, chegaron tun afgán, un palestino e un iemení.
Centos de telegramas enviados polas Embaixadas de Estados Unidos durante os dous últimos anos filtrados por Wikileaks dan conta das presións e as duras negociciones para lograr que Guantánamo pechase.
Os cables deixan claro o apuro de EE UU para convencer a outros países e o camiño sen saída no que parece atoparse. O Goberno de Kuwait, por exemplo, declarouse incapaz de facerse cargo dos seus cidadáns porque estaban “podrecidos” e aconsellou a EE UU que se “librase deles”, abandonándoos en zonas de combate afgás onde corrían o risco de morrer. Iemen pediu millóns de dólares e Arabia Saudita propuxo que aos presos se lles implantase un chip electrónico para rastrexar os seus movementos por Bluetooth, coma se fosen animais.
O maior problema para EE UU eran os iemenís, que, aínda que sen cargos, prevíase que ingresasen na yihad, e os procedentes de China, Exipto, Tunisia, Libia, Siria ou Uzbekistán polo que lles puidese pasar se volvían ao seu país. China, unha potencia económica, presionou para que os 17 detidos de etnia uigur, musulmáns, encerrados en Guantánamo desde 2002 sen cargos, non fosen aceptados. A Administración norteamericana chegou a ofrecer investimentos millonarios a varios países se os aceptaban.
Pero o seu principal obxectivo foi convencer á aliada Europa. Para iso ideou un sistema para que os países competisen entre si. Tiñan a posibilidade de reservar a un preso determinado ata que outro país se interesase por el. A partir de aí só había dúas opcións: renunciar á reserva e perder a opción de acoller a un preso “cun expediente limpo” ou bloquear ao prisioneiro e comprometerse a acollelo.
Dous meses antes da apertura da prisión, o expresidente George W. Bush autorizara deter estranxeiros sen cargos e sen que puidesen buscar amparo nos tribunais nin cuestionar a legalidade da súa detención. Nove anos despois, e como reflicten os cables de Wikileaks, o mercado de persoas que non tiveron xuízo, parece estar á orde do día. O secretario de Defensa de Bush, Donald Rumsfeld, describira a instalación como “o lugar mellor, o menos malo”. Nove anos despois, denuncias de torturas e malos tratos e un informe da ONU que fala de alimentación forzosa, técnicas de afogamento, música a alto volumen, abusos, humillacións, trato degradante... e detencións ilegais, demostran o contrario.

Ningún comentario:

Publicar un comentario