venres, 7 de xaneiro de 2011

Un grupo de Marín pide igualar as vítimas da ditadura coas de ETA

Un colectivo pola reparación critica “o sanguento desprezo ás vítimas do fascismo” 

XORNAL.COM 02/01/2011
A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica e Democrática de Marín homenaxeou a seis veciños desta localidade fusilados o 31 de decembro de 1936. O historiador Carlos Velasco sinalou na súa intervención que a Lei de Memoria Histórica é “insuficiente” e criticou o “sanguento desprezo das vítimas do fascismo con respecto ás de ETA”, polo que reivindicou a súa equiparación.
Para Carlos Velasco, autor de varios estudos sobre a Guerra Civil en Galicia, “non se poñen facilidades xurídicas” para dar a coñecer aspectos da historia “que non gusta remover”. Neste sentido, cuestionou a responsabilidade do Estado á hora de emprender accións cuxa iniciativa recae actualmente nas asociacións dedicadas á recuperación da memoria. Velasco tamén advertiu da necesidade de ser “vixiantes”, argumentando que “o inimigo segue aí”, en alusión ao capitalismo, ao que atribuíu o “ataque absoluto aos dereitos da clase obreira”.
O historiador culpa “a banca e os seus gobernos serventes” da actual reforma laboral e alerta de que “novos fascismos están por vir”. Durante o acto, celebrado o 31 de decembro, depositáronse flores ante un monolito dedicado aos veciños represaliados: Albino Agraso Santamaría, Amando Iglesias, Demetrio Lorenzo Ordóñez, Santiago Ramos Ramos, Bernardino de la Torre Fernández e Antonio Blanco Solla, que era alcalde socialista de Marín en 1936 cando foi asasinado e cuxo nome se lle deu ao paseo marítimo da vila pontevedresa onde se celebrou o acto.
A presidenta da Asociación pola Memoria Histórica de Marín, Enriqueta Otero, xustificou a celebración un ano máis deste acto reivindicativo e de homenaxe para “coñecer, aprender e reparar” os acontecementos pasados.
Esta entidade, que traballou no estudo dos lugares que, como o Pozo da Revolta, foi un punto onde se cometeron fusilamentos, marcou entre as súas próximas iniciativas a sinalización do monte de Cruz da Maceira, onde “non só houbo vítimas mortais da represión, senón que se deron moitas malleiras”.
No acto celebrado o pasado venres en Marín, ao que asistiron familiares directos dos homenaxeados, tamén participou o pintor e poeta Antón Sobral.
O acto, que se celebra desde hai tempo cada último día do ano, contou coa presenza de representantes políticos municipais e autonómicos tanto do PSOE e do BNG como do PP e de Marinenses Independentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario