sábado, 26 de febreiro de 2011

O discurso que quería reeducar a memoria

Unha ideoloxía, unha fe e un psiquiatra ao servizo da reeducación de España foron os instrumentos empregados polo franquismo para tentar cortar de raíz o mal da democracia e crear unha “raza pura” española.
NATALIA ARIAS 13/02/2011 - 20:00 h.
Mulleres presas no cárcere das Ventas
Unha ideoloxía, unha fe e un psiquiatra ao servizo da reeducación de España foron os instrumentos empregados polo franquismo para tentar cortar de raíz o mal da democracia e crear unha “raza pura” española. Había que comezar desde a base, evitando que as nais republicanas puidesen ensinarlles aos fillos uns valores que o réxime consideraba nefastos. O Estado encargouse de separalos, e para iso creou todo un aparato burocrático destinado a executar o que popularmente se coñece como o roubo de nenos dos 40, un tema pouco investigado e que volveu á actualidade cando algúns historiadores e asociacións recoñeceron naquela política as bases do secuestro de menores en hospitais españois denunciado pola Asociación Nacional de Afectados por Adopcións Irregulares (Anadir). O investigador catalán Ricard Vinyes, coautor de Los niños perdidos del franquismo e de varios traballos sobre os cárceres de mulleres, prefire, porén, falar de “deportacións” porque, explica, moitos dos fillos dos republicanos nunca foron adoptados por outras familias. O aparato estatal deseñou unha rede de trens para levalos a fogares do Auxilio Social e instrucións para buscalos nos cárceres, en hospicios franceses ou nas casas de familias republicanas.
O sustento ideolóxico deste proceso estaba no Instituto de Investigacións Psicolóxicas e baseábase nas investigacións no cárcere de mulleres de Málaga do psquiatra militar Antonio Vallejo-Nágera, que, entre outras cousas, defendía a relación entre o marxismo e a inferioridade mental ou que “a segregación destes suxeitos desde a infancia podería liberar á sociedade de praga tan terrible” para voltar á raza superior española, cuxo deterioro, polo seu fervor católico, atopaba nunha cuestión cultural: os procesos de democratización, e non en factores biolóxicos como os nazis.
“O Estado asumiu ese discurso e organizou a deportación dos nenos mediante distintos instrumentos”, explica o profesor de Historia Contemporánea da Universidade de Barcelona (UB). Unha das armas ás que recorreu foi o Padroado Central da Nosa Señora da Merced, dependente da Dirección Xeral de Prisións e que o investigador define como “a gran empresa da industria penitenciaria”. Xestionaba os corpos de traballo dos cárceres, os permisos e, ata que se creou a finais dos 40 o Padroado de San Pablo –específico para os nenos–, todo o relativo aos fillos da presas. Foi o órgano do que saíron instrucións executadas por funcionarios de prisións como a de facer formar as presas e arrebatarlles os fillos. “Iso era legal en 1940 porque os nenos de máis de tres anos non podían estar nos cárceres, pero moitos deles tiñan os dous pais recluídos sen que puidesen facer nada”, de xeito que os nenos acababan nun tren, continúa. O réxime sacáballelos ás familias “sen comunicar nada a ninguén”, explica Vinyes, que remarca que “para facer iso tiña que haber unha loxística porque mover un tren non é algo trivial”.
Tamén para a profesora da Universidade de Zaragoza, Ángela Cenarro, experta no Auxilio Social, a legalidade da época sustentaba estas prácticas. “O Estado tiña a tutela dos nenos cando cumprían catro anos porque debían saír do cárcere cando moitas nais quedaban presas alí”, afirma.
O destino deses cativos era a reeducación no Auxilio Social e en institucións eclesiásticas como as Ordes de Acollida, onde se facían sacerdotes. “Hai indicios de que houbese adopcións, pero non existe documentación”, aclara o historiador catalán.
A PROPAGANDA DOS CÁRCERES
Para sacarlles os menores ás familias republicanas o Estado apoiouse en varias fórmulas máis. En Redención, a única publicación que se permitía nos cárceres, había chamados ás nais para que os levasen ao Auxilio Social ou as Xuntas Locais e Provinciais. “Cando os ían buscar non llelos daban porque para recuperalos había condicións moi ríxidas como ser un bo patriota, un excelente católico ou estar no Movemento Nacional”, aclara Vinyes.
Porén, os tentáculos do nacionalcatolicismo e a Igrexa non só chegaron aos cárceres. En 1949, a documentación da Falanxe relata como se debía facer para raptar nenos republicanos aloxados en casas francesas de acollida, mentres que outra práctica habitual era a desenvolvida por asociacións relixiosas de seculares, como as Fillas de María, que ían aos domicilios dos presos que custodiaba o Padroado da Merced a levarlles ás familias o diñeiro do seu traballo. “Quedaban a latricar na casa porque unha folla de instrucións da época indicaba que tiñan que facer un informe de se había nenos e de se era importante sacalos do fogar”, explica o historiador da UB, que di que non se deben comparar estes casos cos de Arxentina porque a ditadura española foi cruel abondo: cando se desmantela o aparato de secuestros a partir dos 50, queda constancia do rapto de 12.000 nenos no 43. A cifra podería ser maior porque o Padroado de San Pablo xestionou ata 30.000 cativos.

Giménez: “Os nenos só sabiamos de fame e frío”

A.G. 13/02/2011 - 20:00 h.
Os fogares Auxilio Social foron, segundo o historiador Ricard Vinyes, o destino da maioría dos nenos perdidos do franquismo co obxectivo de reeducalos nos valores do réxime. Tratábase dunha rede de centros distribuída por toda España, aínda que estaban principalmente en Madrid e Barcelona, nos que as condicións de vida dos cativos eran “pésimas”, explica Ángela Cenarro, profesora de Historia Contemporánea da Universidade de Zaragoza. “Pouca comida, pouca bebida, maltrato psicolóxico e físico, visitas da familia moi restrinxidas e correspondencia moi controlada”, resume a experta, que sinala que, a mediados dos 40, a maioría procedían xa de familias pobres. “Non creo que houbese un camiño directo dos cárceres ao Auxilio, penso que moitos dos fillos das presas baixo o Padroado da Merced acabaron en colexios católicos”, opina, a diferenza do investigador catalán.
“O Auxilio Social era un instrumento de control social e de reprodución dos parámetros ideolóxicos do réxime en varios ámbitos”, pero sobre todo, “entre a infancia”, explica o profesor da Universidade de Vigo Julio Prada nun traballo a respecto da institución en Galicia, onde dá datos da provincia de Ourense e explica que, na comunidade, levou a cabo un traballo, fundamentalmente, de subministro de alimentos a través de comedores, “sendo puramente testemuñal a súa participación en iniciativas que encaixarían dentro da obra de Protección á Nai e o Neno Enfermo”. Na capital provincial, a Sección Feminina, que funcionaba sobre todo con donativos, repartía xa en 1937 136 racións diarias no comedor infantil.
Aínda que na zona ocupada aparece xa no 36 como unha pequena organización asistencial para darlles axuda aos afectados pola guerra, o coñecido como Auxilio de Inverno comeza a expandirse no 37. En abril dese ano pasa a depender de FET-JONS, o Partido Único, e créase unha Delegación Nacional, que levará a cabo actividade asistencial en centros que ían desde os comedores, aos fogares infantís ou escolares e a Residencia de Aprendices.
Non se sabe con certeza cantos internos tivo a institución de socorro, creada a instancias dos falanxistas Mercedes Sanz-Bachiller e Javier Martínez Bedoya, pero un deles foi o debuxante Carlos Giménez, que dá boa conta da miseria destes hospicios en Todo Paracuellos (De Bolsillo, 2007). “Querían facer dos nenos, como se dicía entón, metade monxes, metade soldados, por iso recibiamos unha educación moi politizada, moi falanxista e moi relixiosa”, relata. Porén, a fame facía que a mensaxe callase pouco. “Os nenos non sabiamos de política, alí só se sabía de fame e frío, de que non te pegasen e de que os pais te fosen ver”, engade. O historietista explica tamén que non había distincións entre orfos ou fillos de republicanos: “Só se sabía se tiñas pai ou non e se te ía ver”.
O Auxilio Social tampouco escapou ás carencias da España da autarquía. “Había moita escaseza en España, dentro e fóra dos colexios e, probablemente, moita da comida que tiña que chegar aos fogares quedaba no camiño”, opina o debuxante, que deixou a institución con catorce anos. “Os presupostos realmente eran moi escasos, outra cousa é que, efectivamente, os directores e persoas a cargo dos colexios vivisen mellor que os nenos”, afirma tamén Cenarro.
“A finais do 38, o Auxilio Social reforzou a liña de actividades que non eran perecedeiras porque xa non había tanta necesidade material e tamén a protección á muller e os nenos, creando a rede de fogares, aos que ían fillos de republicanos mortos, no exilio ou no cárcere”, di Cenarro, que coincide con Giménez en que a “a formación era nula”. “Era unha ideoloxía tan burda, cos principios do movemento e moito catecismo, que os nenos pasaban dela en canto saían”. Aínda así, un interno podía estar en centros da Falanxe ata rematar a universidade, onde chegaban os menos. “Non mandaban os máis listos a estudar, senón os que se tiñan portado ben”, afirma Giménez, que recorda que “había rezos a todas horas e clases de relixión de todo tipo, e os martes viñan os xesuítas”. Tamén asegura que moitos dos centros, que contaban sempre cun instrutor de Falanxe e un crego, tiñan a este último como director. Ademais, había mestras remuneradas e case sempre viúvas de guerra, mulleres afíns ao réxime ou que procedían doutros colexios da Falanxe.
A diferenza do que ocorreu con outras seccións da Falanxe, o Auxilio Social nunca foi desmantelado, senón que o absorbeu o Estado e durou ata o final do réxime atendendo, sobre todo, discapacitados e enfermos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario