sábado, 19 de marzo de 2011

"En Galiza hai un racismo institucional preocupante"


A ONU esíxelle ao Estado español que lles poña fin ás redadas policiais e detencións baseadas en perfís étnicos ·· O Foro Galego da Inmigración leva un ano alertando da situación na comunidade ·· Advirte, ademais, de que, se uns colexios deixan levar veo e outros non, acabarán producíndose guetos
MARGA TOJO . SANTIAGO .
"O Goberno español debe tomar medidas efectivas para erradicar a práctica de controis de identificación baseados en perfís étnicos e raciais. O Comité de Nacións Unidas para a Eliminación da Discriminación Racial acaba de emitir un informe no que se refire á situación da inmigración no Estado nestes termos que "se poden estar a traducir en detencións indiscriminadas de estranxeiros". O documento publicado por Nacións Unidas no marco do exame realizado sobre España durante o 78 período de sesións, que se desenvolveu entre o 14 de febreiro e o 11 de marzo, analizou informes presentados polo Goberno, Amnistía Internacional, SOS Racismo, Secretariado Xitano e a Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR).
En estacións de cidades como Santiago ou A Coruña
O Comité céntrase especialmente na polémica Circular policial 1/2010, denunciada en febreiro do ano pasado polo Foro galego da inmigración. No texto, que distribuíron as comisarías, consígnanse cotas de detención de estranxeiros e até se introduce unha nova figura xurídica que non aparece na lei, a retención para os "efectos de identificación", o que, segundo o Comité, "vulnera os dereitos destes cidadáns". O Foro remitira no seu día senllos escritos á Subdelegación do Goberno na Coruña e ao Inspector Xefe da Brigada de Estranxeiría da Comisaría de Santiago para protestar polas posíbeis consecuencias para os cidadáns inmigrantes residentes na comunidade. Non obstante, "a día de hoxe, non podemos dicir que as detencións en Galiza sexan indiscriminadas -asegura Rocío Rodríguez, do Foro-. Pero, puntualiza, "si que as peticións de documentacións a estes cidadáns por motivos étnicos levan tempo producíndose, e que existe tamén na nosa comunidade un racismo institucional preocupante. Prodúcese sobre todo en puntos clave, como as estacións de tren, de buses, e en cidades como A Coruña, Santiago ou Vigo. É algo que volveremos denunciar publicamente o vindeiro 21 de marzo, día contra o racismo, canda os compañeiros de Esculca".
Para o Comité, a orientación institucional nesta materia sublíñase pola carencia de cifras oficiais sobre incidentes racistas e xenófobos, ou sobre o número de denuncias presentadas ou de medidas xudiciais que carrexaron. "Ter escaso número de denuncias non debe considerarse necesariamente positivo, xa que pode ser un indicador, entre outros, do temor das vítimas ou da súa falta de confianza nos órganos policiais e xudiciais", expresa o documento de Nacións Unidas. Ademais, o Comité pídelle ao Goberno que "revise" a Lei de estranxeiría porque as disposicións relativas a estranxeiras de vítimas de violencia de xénero "son discriminatorias" contra as mulleres que padecen violencia machista e se atopan en situación irregular.
Especialmente duras son as críticas ao sistema educativo pola existencia, segundo as súas informacións, de "escolas gueto" nas que se concentran nenos e nenas inmigrantes e xitanos, contravindo a Lei orgánica de educación de 2006 que prevé unha adecuada e equilibrada distribución dos estudantes."O Comité recoméndalle ao Estado que revise os criterios e métodos do proceso de admisión ás escolas públicas e privadas e tome medidas para garantir unha efectiva distribución equilibrada dos alumnos nos centros escolares", advirte. Pero isto acontece tamén en Galiza? "Evidentemente a poboación inmigrante polo xeral está nos centros públicos e non nos concertados, pero polo xeral estanse a evitar os guetos en Galiza. As maiores concentracións corresponden á maior poboación inmigrante de determinada zona. Aínda que no caso da nena de Arteixo, se hai colexios que permiten levar veo e outros que non, iso á longa vai xerar guetos. Agora estamos a falar dunha nena pero dentro dun par de anos podemos referirnos a unha comunidade. Se non se toman as decisións adecuadas a situación en Galiza mudará".
Por que non son refuxiados?
A situación dos Centros de Internamento de Estranxeiros (CIE) preocúpalle especialmente á ONU, que recomenda a elaboración dun regulamento que unifique o seu funcionamento interno e garanta as condicións de vida, a asistencia legal e a atención médica dos internos, así como o acceso das organizacións non gobernamentais.
No Estado español, os CIE creáronse coa primeira Lei de estranxeiría de 1985 e mantivéronse desde entón cunha regulación deficiente, nula transparencia e continuas denuncias no seu funcionamento; a ampliación do prazo de internamento, introducida pola 02/2009, agravou a preo- cupación por esta realidade, tal como detalla Mauricio Valiente, coordinador do Servizo Xurídico de CEAR para Pueblos. A Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR) visitou no 2009 as instalacións dos tres centros que o permitiron para realizar o primeiro informe exhaustivo. A conclusión foi que funcionan de feito cunha dinámica penal, aínda que con condicións en case todos os sentidos peores. En aspectos sensíbeis do réxime interno, o estudo constata prácticas como a existencia de celas de illamento sen o correspondente regulamento.
Así mesmo, o equipo da investigación puido constatar que a maioría de persoas detidas no centro se consideraban inmigrantes económicos, con todo ao redor do 25% de persoas entrevistadas pasaran por algunha experiencia de ameazas, atentados... no seu país de orixe, co que poderían ser refuxiados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario