venres, 20 de maio de 2011

O xefe do Exército ruandés, condenado a 30 anos por xenocidio


O TPI xulga os responsables deste holocausto, no que en cen días foron asasinadas 800.000 persoas, na súa maioría tutsis
EFE
O Tribunal Penal Internacional para Ruanda (TPIR) condenou onte a 30 anos de prisión o ex xefe de estado maior do Exército, xeral Augustin Bizimungu, por xenocidio, crimes de guerra e contra a humanidade durante o xenocidio ruandés de 1994, informou a axencia Hirondelle.
Na mesma sentenza, o Tribunal, con sede na cidade tanzana de Arusha, ordenou a excarceración do ex xefe do estado maior da Xendarmería ruandesa, xeneral Augustin Ndindiliyimana, ó considerar que os once anos que levaba en prisión, tras a súa detención en Bélxica o 29 de xaneiro do 2000, son suficiente pena. Os dous xenerais foron considerados culpables de xenocidio e crimes de guerra e contra a humanidade realizados por efectivos ó seu mando, e Bizimungu tamén de incitar ó xenocidio.
O presidente da sala que celebrou o xuízo, Joseph Asoka de Silva, indicou que, no caso de Ndindiliyimana, observaron circunstancias atenuantes, xa que tivo un control limitado da Xendarmería tras o inicio do xenocidio, en abril de 1994, opúxose ás matanzas e participou na resolución do conflito. O ex comandante do batallón de recoñecemento do Exército ruandés, comandante Francois-Xavier Nzuwonemeye, e o capitán Innocent Sagahutu, da mesma unidade, procesados xunto cos dous xenerais, foron condenados cada un a vinte anos de prisión por crimes de guerra e contra a humanidade.
Ós tres condenados que han de permanecer en prisión computaráselles o tempo que levan encarcerados desde a súa detención: Bizimungu foi capturado o 2 de agosto de 2002 en Angola, mentres Nzuwonemeye e Sagahutu foron detidos en Francia e Dinamarca, respectivamente, o 15 de febreiro de 2000.
Nzuwonemeye e Sagahutu son considerados pola sentenza como os responsables de ordenar o asasinato do primeiro ministro ruandés, Agathe Uwilingiyimana, e de permitir que quedasen impunes os asasinos de dez "cascos azuis" belgas.
O TPI para Ruanda estableceuse na cidade tanzana de Arusha en 1994 para xulgar os principais responsables do xenocidio ruandés, no que en cen días foron asasinadas, segundo cifras da ONU, unhas 800.000 persoas, a maioría tutsis e hutus moderados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario