domingo, 8 de maio de 2011

Os esquecidos da colza

01.05.2011 Máis de 4.000 persoas faleceron e aínda quedan unhas 16.000 vítimas con graves secuelas ·· En Galiza, o Barco de Valdeorras foi o máis afectado

REDACCIÓN . SANTIAGO

Hoxe cúmprense trinta anos do falecemento do neno Jaime Vaquero, que vivía na madrileña localidade de Torrejón de Ardoz e que se converteu na primeira vítima mortal da colza, aínda que o seu falecemento atribuíuse entón a unha pneumonía atípica. Aínda que xa non son noticia nos medios de comunicación, aínda quedan unhas 16.000 vítimas desa traxedia que saiu á luz na primavera de 1981. Pasaron tres décadas da maior intoxicación alimentaria do Estado español e de Europa, provocada polo consumo de aceite de colza adulterado. Ao redor de 4.000 dos máis de 20.000 afectados pola síndrome tóxica faleceron e un terzo dos que continúan vivos arrastran secuelas e patoloxías graves.

A maioría dos afectados eran persoas de clase traballadora, principalmente na zona centro do Estado, que adquiriron o produto en postos ambulantes e mercados. Nun principio, non se atopaba ningún nexo entre eles e non foi ata un ano despois cando as principais investigacións apuntaron a que a causa común que tiñan todos os afectados era o consumo de aceite de colza desnaturalizado con anilina.
No Barco de Valdeorras, a zona máis afectada de Galiza, un camión procedente de León fornecía o produto cada 15 días. Na comunidade o rexistro oficial contabiliza 55 casos, 41 en 34 familias da provincia de Ourense; nove, noutras catro de Pontevedra, e cinco máis en catro familias de Lugo. A Coruña foi a única sen casos.
O aceite foi importado desde Francia para uso supostamente industrial e distribuído de forma fraudulenta para o consumo humano tras extraerlle a anilina a alta temperatura, un proceso que deu lugar á creación de compostos tóxicos que causaron a grave intoxicación, bautizada pola OMS como síndrome tóxica. "Sabiamos que nos enfrontabamos a algo diferente do habitual e por iso case todos os profesionais participamos do interese por saber a orixe desa estraña enfermidade", sinala o doutor Manuel Posada, director do Instituto de Enfermidades Raras do Instituto de Saúde Carlos III e coordinador da OMS para a investigación da síndrome do aceite tóxico. Precisamente ese interese levou a varios mozos médicos do Hospital Infantil Niño Jesús de Madrid a crear un grupo de estudo que analizou os nenos ingresados.
Este equipo foi o primeiro que descartou que se tratase dunha infección e, xa que logo dunha pneumonía, e que vinculou a enfermidade a unha intoxicación alimentaria. "As epidemias non afectan a unha familia si e a outra non, a unha rúa si e a outra non", explícalle a EFE o doutor Juan Casado, xefe do Servizo de Coidados Intensivos do hospital, que formaba parte daquel grupo.
A investigación do Instituto Carlos III concluíu que a causa foi o aceite de colza desnaturalizado con anilina, pero aínda se descoñece o tóxico específico que a provocou. Esta é unha das "espinas" que aínda teñen os afectados. "É certo que o aceite estaba contaminado, quedou claro na sentenza, pero nunca nos dixeron o axente tóxico que causou o envelenamento", lamenta Mercedes García, afectada e voceira da Federación de Afectados e Consumidores da Síndrome Tóxica (Facsinto).
A día de hoxe, 4.537 dos 20.205 afectados faleceron (aínda que non todos por mor da enfermidade) e un terzo dos pacientes vivos presentan secuelas e/ou patoloxías maiores, tales como afectación neurolóxica, esclerodermia (pel dura), hepatopatía crónica e, sobre todo, hipertensión pulmonar, unha enfermidade incurable, moi grave, que vai deteriorando a saúde progresivamente. A estas "grandes" lesións, súmaselle o hipotiroidismo e factores de risco cardiovasculares en maior proporción que na poboación en xeral, sinala Posada. É o caso de Mercedes García, que contraeu a enfermidade con 21 anos e que agora, trinta anos despois, ten un organismo dunha persoa de 70 anos. A intoxicación impediulle traballar e levar unha vida normal, toma 24 pastillas diarias "para poder estar en pé" cada día e padece unha incapacidade total, pola que non recibe ningunha pensión.
Mercedes asegura que os políticos esqueceron os afectados e a sensación que estes teñen é que "somos a pataca quente que foron pasando duns a outros". Do mesmo xeito que a gran maioría dos enfermos, esta madrileña considérase "vítima dun terrorismo de Estado; un Estado que non soubo velar polos seus cidadáns". "Somos unha poboación a extinguir e dos afectados que quedan vivos, uns 2.700 teñen incapacidades non contributivas porque no seu momento eran nenos ou amas de casa que non cotizaran"."Somos uns esquecidos", conclúe rotunda Mercedes.
O xuízo máis longo da historia de España
O drama sanitario deu paso ao proceso xudicial máis longo da historia de España que condenou, nun primeiro xuízo, a 13 aceiteiros dun total de 38 procesados, todos eles xa en liberdade, e nun segundo proceso, a dous altos cargos da Administración, por un delito de imprudencia temeraria con resultado de morte, que non chegaron a ingresar en prisión.
Esta segunda condena estableceu a responsabilidade subsidiaria do Estado, que lle obrigou a facerse cargo das indemnizacións ó declarárense insolventes os aceiteiros. Para Mercedes "a xustiza non existe", pois aínda quedan ao redor de mil afectados que non cobraron ningunha indemnización porque non aparecen no censo xudicial, a pesar de si estar rexistrados no censo administrativo, que elaborou a Oficina de Xestión da Síndrome Tóxica. Ata o 20 de xaneiro deste ano, a Sala do Penal da Audiencia Nacional ordenou o pago de 2.393 millóns de euros en autos de liquidación con recoñecemento de indemnización ós afectados, segundo fontes xurídicas.
"Antes estaba o PP, hoxe está o PSOE e é o mesmo. Non lle debemos nada a ningún político. Gañámolo por unha sentenza. Estanos pagando o Estado porque resultou responsable civil subsidiario". No entanto, considérase unha das "afortunadas" que continúan recibindo asistencia médica na unidade de seguimento do Hospital Doce de Outubro de Madrid, a única consulta especializada que aínda queda en marcha en todo o país, da que se encarga María Antonia Nogales. "A doutora Nogales é fenomenal pero está ela soa para atender a máis de 500 afectados", quéixase Mercedes, quen recorda que as autoridades sanitarias intentaron pechar a unidade hai dous anos pero a presión dos pacientes impediuno.
Agora, as reivindicacións dos afectados céntranse en que a Comunidade de Madrid, responsable do hospital, incorpore un axudante a tempo completo, que realice os labores administrativos que leva a cabo a propia doutora.
"Escribímoslle ao conselleiro de Sanidade, pero non nos contestou e estamos recollendo firmas. Imos facer toda a presión que sexa porque é o único que nos queda", subliña a voceira de Facsinto.

O DATO

A medicina non puido curalos
O doutor Posada precisa que "cando se inxere unha substancia con máis de cen compostos químicos novos e relacionados entre si, a toxicoloxía non é capaz de separar as accións deles, porque na práctica non se tomaron por separado, produciron unha enfermidade multisistémica e, todos, dunha ou doutra forma, contribuíron ó desastre". "Quizais no futuro aprendamos que moitas exposicións están producindo enfermidades raras".

Ningún comentario:

Publicar un comentario