mércores, 15 de xuño de 2011

A historia das HeLa

As primeiras células humanas inmortais do mundo, que salvaron miles de vidas, fóronlle extraídas sen o seu consentimento a unha muller negra e pobre
EFE . MADRID
"HeLa" é o nome en clave que os científicos deron ás primeiras células humanas inmortais do mundo, extirpadas do pescozo uterino, sen o seu coñecemento, a Henrietta Lacks, unha campesiña afroamericana do sur de EEUU (Virxinia, 1920), cuxos tecidos chegaron a salvar miles de vidas.
As células que se tomaron do seu pescozo uterino, pouco antes de que Henrietta Lacks morrese (1951) por mor dun tumor, seguen vivas, porque despois de que os científicos -George e Margaret Gey- lograsen mantelas con vida en cultivo, estas empaquetáronse, vendéronse, compraron e enviáronse a laboratorios de todo o mundo.
Viaxaron nas primeiras misións espaciais para ver que lles ocorría ás células humanas en gravidade cero e contribuíron a algúns dos avances médicos máis importantes, como a vacina da poliomielite, a quimioterapia, a clonación ou a fertilización in-vitro, segundo explica Rebecca Skloot, quen publica agora en España A vida inmortal de Henrietta Lacks ("Temas de hoy").
Henrietta, de ollos castaños e dentes brancos e rectos, aínda que medía pouco máis de metro e medio, era unha muller robusta cu-nhas mans ásperas a consecuencia dos campos de tabaco e a cociña, pero cunhas uñas que se pasaba horas arranxando e pintando. Nai de cinco nenos, visitou o hospital de Baltimore Johns Hopkins -"o único en moitos quilómetros que atendía a pacientes negros, que no entanto separaba dos brancos"- por primeira vez en xaneiro de 1951, aínda que levaba máis dun ano dicíndolles ás súas amigas que algo non andaba ben, que tiña un "nó dentro", relata Skloot.
Morreu meses despois e é a partir dese ano (1951) cando as "HeLa" se converteron nunha ferramenta indispensable de laboratorio. Skloot, quen estudou Biolóxicas, ouviu falar destas células por primeira vez con 16 anos, aínda que moi polo miúdo, e obsesionouse coa idea de que algún día contaría a historia de Henrietta. Pero non só quería relatar o científico senón tamén o humano, porque, segundo asegura, "cando te esqueces das historias humanas que hai detrás da ciencia é cando pasan cousas malas".
Trátase por tanto, non só da historia das células "HeLa" e Henrietta Lacks, senón da familia e sobre todo de Deborah, a súa filla. Os editores, insistían na necesidade de eliminar a historia da familia. Deborah sufrira moito: non se decataron da "inmortalidade" das células da súa nai até máis de 20 anos despois, cando os científicos que investigaban "HeLa" comezaron a utilizar ao seu esposo e fillos na investigación, tamén sen o debido consentimento informado.
A CERNA
A familia Lacks, que nunca recibiu compensación polos "beneficios millonarios" da industria grazas ás "HeLa", nin os vai recibir, segundo Skloot, pois a industria cre que se podería establecer un precedente, segue sendo pobre. Skloot, quen creou unha fundación onde van parar parte dos beneficios deste libro-, defende que non hai que simplificar a historia e vela só desde o punto de vista racial, "porque Henrietta, ademais de negra, era muller e pobre".

Ningún comentario:

Publicar un comentario