sábado, 17 de setembro de 2011

'Republicanas en Galicia' reivindica ás mulleres na loita contra o franquismo


Laura Seara cre necesario visibilizar estas accións por unha cuestión de dignidade nacional
MARCOS SUEIRO | 10/09/2011 - 17:12 h.
A secretaria de Estado de Igualdade, Laura Seara, presidiu onte en Ourense a estrea do documental Republicanas en Galicia, dirixido por Jorge Gil. Esta produción trata de revolver na memoria “para volver a vivir a experiencia” dunhas mulleres que abriron as portas a moitas outras e que foron unhas pioneiras na esixencia de recoñecemento de dereitos e de loita pola liberdade.
No acto celebrado no Centro de Desenvolvemento de Nova Caixa Galicia estaban presentes, ademais de Laura Seara, o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, deputados e deputadas estatais e autonómicos e alcaldes progresistas das comarcas ourensás.
O salón estaba ateigado de xente e o ton dos oradores era reivindicativo. Laura Seara foi moi gráfica ao sinalar que “se trata de volver a vivir episodios heroicos protagonizados por mulleres do país”. A secretaria de Estado engadiu que “a historia da República é dificil de entender senón se conta nas voces das súas protagonistas”.
Lonxe de pronunciar discursos cunha intención académica, Seara recurriu máis á emoción e á adxetivación para dicir que “as mulleres tiveron que demostrar, como sempre, cando empezou a guerra que eran dobremente heroicas”. Referíase así ao cuestionamento que moitos combatentes homes fixeron a cerca da capacidade das mulleres para a loita armada.
Pero a reivindicación feminina e feminista non só se centrou no papel de milicianas ou militantes nos partidos da esquerda, senón tamén na cotidianidade. Neste sentido Seara referiuse ao papel das mestras e a homenaxe que hai pouco tempo tipo lugar no Instituto da Muller a este corpo de profesionais.
Non se esqueceu a “viceministra galega” de reivindicar o papel do Goberno do Estado na recuperación da memoria histórica. A modo de balance cuantificou en 600 os proxectos impulsados polo Executivo de Zapatero para visibilizar o esquecemento imposto na dictadura.
DEFENSA DOS DEREITOS CIVÍS
Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, tampouco se perdeu o acto. Mostrou a súa satisfacción, neste caso visible, e a necesidade de levar a cabo actos de homenaxe e reconoñecemento aos devanceiros na liberdade e no exercicio dos dereitos civís.
E tralos discursos, un público variopinto dispúxose a ver o documental. Todo comezou cunha frase do escritor francés Albert Camus: “Foi en España , onde a miña xeración aprendeu que un poder ter razón e ser derrotado”. Logo frases ben colocadas e con sentido daban paso aos comentarios das mulleres galegas. A identificación da República española coa democracia e o progreso era seguida de confesións nas que se recordaban cánticos populares sobre a República ou mesmo sobre a bandeira tricolor.
Unha chea de aplausos sonoros puxo fin á proxección de diferentes partes dun documental cuxa finalidade última segundo o director “é visibilizar a historia silenciada, esquecida e dormida por parte dos gañadores dunha guerra inxusta”. O proxecto conta ademais cunha páxina web (www.republicanasengalicia.tv) na que se ofrecen testemuños de varias mulleres galegas cuxas vidas quedaron marcadas pola represión durante o franquismo e a Guerra Civil.

Ningún comentario:

Publicar un comentario