martes, 6 de marzo de 2012

“Hitler non matou tantos opositores coma Franco“


Publicado o Venres, 02 Marzo 2012 09:00 Escrito por Montse Dopico
O proxecto interuniversitario ‘Nomes e Voces’ realizou un traballo de cartografiado e elaboración de fichas sobre os lugares de execución e enterramento das vítimas da represión franquista. Este é un dos resultados dunha investigación cuxa metodoloxía debe moito ao historiador Julio Prada, un dos investigadores que iniciaron a pescuda sobre o tema, arredor do que reflexiona no ensaio Geografía de la represión en Galicia, recentemente editado por Catarata.
Nin o xuízo e depuración dos responsables da represión nin unha política de reparación das vítimas garanten, segundo vostede, unha democracia de maior calidade. Como é isto?
Se ollamos ao que ocorreu en distintos países, veremos que xuízos, purgas, depuracións e Comisións da Verdade non traen por si mesmos unha democracia máis fonda. A historia demostra que, nisto, non hai nada mecánico, preestablecido. A democracia é igual de forte en España, Hungría e Uruguay como noutros países que si tiveron xuízos e purgas como Portugal ou Arxentina.
A historiografía está a revisar a imaxe dominante de “transición modélica”, a “memoria oficial” sacralizadora do “consenso”, que se moveu no sentido da equiparación moral entre vencedores e vencidos, na tese das “responsabilidades compartidas”. Que opina desta revisión?
Eu creo que están a facerse lecturas descontextualizadas dos acontecementos. Naquel momento, cambiouse impunidade para os responsables da violencia institucional exercida durante catro décadas por recoñecemento dos partidos e sindicatos, liberdades públicas, democracia... non parecía unha transacción desvantaxosa para a oposición democrática, fragmentada e cun poder de negociación pequeno. A dereita sociolóxica era aínda forte. Se a iso lle unimos a experiencia traumática da guerra civil, a implicación social masiva na represión a través de mecanismos como a delación, ou o feito de que ambos bandos cometeran atrocidades, comprenderase que non é tan axeitado xulgar dun xeito tan crítico unha transición que optou pola reforma, e non pola ruptura. Esixir responsabilidades sobre o pasado podía empuxar, ademais, a dereita reformista cara ás visións ultras.
A Iniciativa Galega pola Memoria acaba de pedir a derrogación da Lei de Amnistía do 77. Que lle parece?
É certo que unha amnistía que supoña a renuncia a esixir responsabilidades aos criminais, se se acompaña polo escaso interese no recoñecemento das vítimas, favorece que se asente unha sociedade pouco respetuosa co seu pasado e cos seus dereitos fundemantais, e que pode abrir o camiño ao negacionismo, ao revisionismo que nega as atrocidades cometidas. Pero o caso español é especial, e hai que telo en conta. Non é o caso de América Latina. Aquí houbo unha guerra civil e, como dixen, media España está implicada na represión. Por iso, sería operativo? E ata onde chegariamos? Porque ata os 70 houbo represión. A lei española non é, ademais, a mesma autoamnistía da que se dotaron os militares chilenos ou arxentinos.
Foi o goberno de Zapatero o que mudou, comenta vostede no libro, a versión “oficial” sobre a memoria. Mais a Lei da Memoria Histórica ten eivas. Cales son?
Eu penso que a principal eiva foi non considerar política de Estado o tema das fosas e deixarlles a responsabilidade a particulares e asociacións. Isto foi o que nos levou ademais a espectáculos como o das denuncias contra o xuíz Garzón. E o que fai que Amnistía Internacional ou a ONU consideren España entre os estados que teñen desaparecidos... En canto á declaración da ilegalidade dos xuízos franquistas, non é tan difícil desde o punto de vista xurídico: chegaría coa aprobación dunha lei no Parlamento neste sentido. Pero, cal sería o efecto? Que o Estado tería que indemnizar as vítimas. E iso suporía a quebra total do mesmo. Só hai que pensar en todas as incautacións de bens que tería que compensar.  
A respeito do xuízo contra Garzón, comenta vostede que son “discutibles” os argumentos de ambas partes. Por que?
É un erro confundir vítimas con desaparecidos. A cifra que da Garzón, duns 114.000, é cuestionable por iso. Non son desaparecidas as persoas que sabemos onde están enterradas. Despois, que falar de crimes contra a humanidade nos anos da guerra civil supón unha aplicación retroactiva do dereito internacional, porque naqueles anos aínda non recoñecera esa figura. Xa o propio Garzón estende o seu argumento ata finais dos 40 e primeiros dos 50, despois dos xuízos de Núremberg. Pola banda dos denunciantes: Manos Limpias, Falange... é evidente a súa motivación política.
O libro detense moito nos debates conceptuais. Propón aplicar o termo represión non só á física, senón tamén á económica, administrativa, social, psicolóxica...
Ese é un debate non pechado aínda. A publicación ‘Hispania Nova’ recolle as distintas opinións dos historiadores, expresadas a raíz desa moda de falar de “holocausto” ou de “xenocidio”. No caso español é moi difícil, por exemplo, definir que elemento determina quen era o “inimigo”; e a definición xurídica de “xenocidio” restrinxe a aplicación do termo ao que se dirixe contra grupos nacionais, étnicos, raciais ou relixiosos, excluíndo os perpetrados por motivos sociais ou políticos. A cuestión é, ademais, que unha perspectiva tan estensiva de conceptos como xenocidio pode contribuír a desnaturalizalos. Utilizar termos como “xenocidio” parece que engade un plus de maldade ao que pasou. O que houbo foi un democidio, unha matanza da pobo. Pero en canto a vítimas da represión o franquismo non foi mellor que o fascismo italiano. É máis: Hitler matou a moitos xudeus, pero non matou a tantos opositores coma Franco.  
Tamén se para en cuestións metodolóxicas, como contar os represaliados segundo de onde son ou segundo onde foron asasinados. Non é doado ademais contar as vítimas das operacións de castigo e limpeza...
O criterio de territorialidade é o aceptado pola gran maioría dos historiadores. É o xeito de evitar duplicidades. En ‘Nomes e Voces’ non se fai exactamente así. Contamos os galegos que mataron fóra de Galicia, e os non galegos que mataron en Galicia. A cuestión é que se Asturias contan tamén aos asturianos que morreron en Galicia, estamos contando dúas veces a mesma xente. E facer iso é darlles argumentos aos que están en contra da recuperación da memoria. Pois poden dicir que esaxeramos as cifras.
Defende o termo “violencia paralegal”, que incluiría os paseos, asasinatos realizados ao abeiro da lei de fugas... Dos verdugos, salienta aos falanxistas, e a responsabilidade dos militares por acción ou por omisión. Do mesmo xeito, subliña que parte deles foron ex-militantes de esquerda. Ou que non eran só desclasados, senón tamén xente da elite.
As milicias armadas actuaron algunhas veces con autonomía, pero iso non exime de responsabilidade ás autoridades militares, cuxa actitute foi a inhibición porque a violencia das milicias servía aos seus intereses. En canto aos ex-militantes de esquerda, hai que ter en conta que na Segunda República se querías traballar en obra pública tiñas que estar nun sindicato. Non foi, por iso, só unha cuestión de medo ou de vontade de ascender socialmente. É que xa antes de unirse aos golpistas non tiñan un compromiso político coa esquerda. E, contra o tópico de que eran só desclasados, hai que dicir que tamén había fillos dos señoritos das mellores familias, que participaban nos ataques ao lado dos gardas civís, milicianos... A violencia paralegal, por outra banda, adopta moitas formas: operacións de ocupación das poboacións e de castigo e limpeza, fusilamentos sen formación de causa e en aplicación do bando de guerra, paseos, sacas, aplicación da lei de fugas, execucións de prisioneiros durante o traslado á retagarda, e outros asasinatos baseados na posición de poder que os golpistas lle dan ao suxeito activo dos mesmos. En Galicia o 70% das mortes foron extraxudiciais. E non é igual que fosen dun xeito que doutro, porque iso danos respostas sobre a represión: onde houbo máis e menos resistencia...
A historiografía é clara na cuestión de que a violencia franquista foi planificada e non mero froito do contexto de guerra. Onde está o debate entón?
Se comparamos Galicia con Andalucía ou Extremadura, veremos que nas dúas últimas a violencia extrema exerceuse desde o momento do golpe, porque a resistencia foi forte. En Galicia non houbo guerra máis que uns días, e nun primeiro momento e mentres non se clarificaba que ía pasar, mesmo deixaron libre a xente que retiveran. Foi cando se viu que o golpe non triunfaba cando as represalias se fixeron máis fortes.
Tamén discute que os eufemismos que aparecen na documentación agochando os asasinatos se deberan ao intento de negalos para non danar a imaxe dos golpistas. Do mesmo xeito, entende que a práctica de dispersar os corpos respondeu a unha estratexia máis de imposición do terror.
Unha Lei do Rexistro Civil do 1870, que permaneceu vixente nove décadas, establecía que cando a morte fose violenta, se producise no cárcere ou por execución capital non se fixese constar esa circunstancia no Rexistro Civil. Eu non creo que houbese unha intención de ocultamento: ao contrario. Nas certificacións que se remitían aos xuíces desde os cemiterios figuran expresións como “pasado por las armas”. Tamén o traslado dos corpos a outra parroquia respondía a un costume máis antigo e tamén establecido pola lei. Os cadáveres non identificados que presentaban sinais de morte violenta non eran enterrados ata que o xuíz puidese practicar as dilixencias oportunas, e se ninguén reclamaba o corpo enterrábase na parroquia máis próxima. O peculiar de Galicia foi a dispersión. Noutros lugares a pauta foron as fosas comúns. Non se trataba de protexer o anonimato dos verdugos nin de agochar os cadáveres. Senón de manifestar a absoluta arbitrariedade e desmesura da violencia.
Prefire definir as vítimas por unha cuestión de status, máis que de clase. Nunha sociedade, di vostede, na que a adscripción política de cada quen dependía ás veces máis da fidelidade ao notable local que a unha cuestión ideolóxica.
A represión foi selectiva, dirixida prioritariamente contra os sectores que ostentaban poder, recoñecemento e influencia social e se identificaran con posicións republicanas, esquerdistas ou anticlericais: mestres, profesionais, pequenoburgueses, obreiros, labregos, mariñeiros... parte deles dirixentes políticos ou sindicais. E se miramos o ámbito local, a esquerda e a dereita non se definían moitas veces por unha cosmovisión oposta, senón que os dous bloques se formaran en base a outro tipo de fracturas. Como a lealdade a un notable, pois as relacións clientelares seguían a ser moi determinantes, malia os avances da Segunda República. A violencia tivo ademais un compoñente irracional, basado nas rencillas e vinganzas de todo tipo. A imprevisibilidade de quen podía ser a vítima era un xeito máis de reforzar o terror.

Ningún comentario:

Publicar un comentario