A páxina de
Facebook Proxecto Virtual de Recuperación do Patrimonio Musical Galego Séculos
XIX-XX recolle documentación gráfica de todo o relacionado coa historia da
música galega.
Cedeira, principios do s. XX. O Gaiteiro é Perracativa (José Antonio Muiño) |
ANTÓN
ESCUREDO. Sermos Galiza
A iniciativa
social nos últimos anos segue a ir por diante da institucional. Unha proba
disto é o Proxecto
Virtual de Recuperación do Patrimonio Musical Galego Séculos XIX-XX
que leva desde febreiro de 2010 a recoller e difundir a historia da nosa música
a través dunha páxina en Facebook. A idea foi de Milagros Bará Viñas, sobriña
neta de Manuel Quiroga Losada, violinista de referencia internacional e tamén
compositor. “Quixen saber algo máis sobre a súa figura e despois de falar con
Alejo Amoedo Portela decidín abrir a páxina”. As primeiras achegas foron, daquela,
deste pianista do Conservatorio de Vigo. A súa sorpresa veu cando atopou unha
alta participación e moito interese por parte de músic@s e investigador@s.
Referente
para a investigación
“Pasei da
idea inicial a ter un obxectivo máis ambicioso: compartir na rede información
básica para dar a coñecer figuras da música galega no ámbito que sexa”. Foi así
como conseguiu reunir máis de 3.000 imaxes, unhas 300 inéditas. Para organizar
tanto material empregou o apartado de álbums de fotos da propia ferramenta dixital.
As temáticas que lle xurdiron son ben variadas. Atopamos, por exemplo, un
apartado para Bandas galegas, outro para Coros, corais e orfeóns,
pandereteiras, acordeonistas, gaiteiros, grupos de rock e folk... Mais tamén
para nomes importantes da nosa música, como Avelino Cachafeiro, Pilar del
Castillo, Enrique Lens, Ángeles Gulín, Juan Montes Capón, Isidoro Brocos,
Felipe Paz Carbajal, Marcial del Adalid, Reveriano Soutullo, Roxelio Groba,
José Baldomir ou Manuel Quiroga Losada. Hoxe esta páxina conta con 4.351
seguidor@s e ao redor de setenta colaborador@s, a maior parte anónim@s, que
partillan todo tipo de documentación a través da rede. Algunhas destas persoas
xa forman parte da “equipa” pola súa alta participación. É o caso do
propio Alejo Amoedo Portela, Moncho Arufe ou Eli Carracedo, por citar algunhas.
“É algo voluntario e segundo o tempo que teñamos dedicámoslle máis ou
menos”, comenta a administradora e editora.
O éxito
desta experiencia innovadora é a variedade e importancia do material con que
conta. “O que ten a rede é que partillas con músicos que teñen moita
documentación na casa que nunca foi publicada”. Moit@s achegas forman parte de
arquivos familiares inéditos de moi difícil consulta. Investigador@s de todo o
mundo interesad@s na historia da música galega puxéronse en contacto con
Milagros Bará para atopar fontes.
“A través do
correo electrónico conseguín poñer en contacto musicólog@s que procuraban datos
que doutro xeito sería imposíbel atopar, mesmo en América do Sur, onde
aínda temos a sorte de conservar moito material a partir do que gardaron
descendentes de emigrantes”.
Museo
virtual
Milagros
Bará estudou até terceiro de violín. Para ela a música é “un xeito de expresión
moi importante para o ser humano”. Por tradición familiar e por convicción
persoal sabe que o que comezou como algo particular é hoxe algo máis.
“Dixéronme que era unha das páxinas de referencia polo material que atopas
e por citar as fontes”. Este último punto é moi importante para situar as
imaxes, facilitar o traballo e respectar a propiedade intelectual d@s
colaborador@s. A primeira impresión que temos cando visitamos esta páxina de
facebook é a de estar nun “museo virtual”. Milagros Bará recoñece que algo
diso ten, aínda que deixa claro que "eu non suplo un museo." A
crítica para co sistema actual de conservación e difusión da nosa cultura
está servida. “Non entendo que nos tempos en que vivimos do 2.0 os museos e
arquivos teñan o seu material “amarrado” e que cando alguén ten que
realizar un traballo de investigación ten que ir a vinte sitios e con
problemas”. Sen querer abre un debate interesante que está nas conversas de
moit@s científic@s deste país: a falta de dixitalización e difusión do material
que gardan os museos galegos. “A triste realidade é que despois de que algún
musicólogo me comentase hai un ano este tema coincidimos en que é un traballo
que deberían facer as institucións”. E recoñece que tentou ir máis alá e
transformar e mellorar a páxina. “Falei nalgunha ocasión con representantes do
mundo da cultura mais non houbo interese”.
Quen
si tiveron interese en dar a coñecer esta experiencia que leva máis de dous
anos en funcionamento foron @s organizador@s do Foro UNIREDE 2012. Dentro
da xornada que realizará o vindeiro día 27 de outubro en Compostela, Milagros
Bará presentará o seu Proxecto Virtual de Recuperación do Patrimonio Musical
Galego Séculos XIX-XX. A creatividade e as inquedanzas individuais pulan pola
recuperación do noso patrimonio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario