martes, 4 de decembro de 2012

Vidas, dez anos despois do Prestige


30 Novembro 2012 18:10. Escrito por Carlos Santiago. Dioivo
Douscentos trinta rapaces e rapazas de secundaria lembraron hoxe en Laxe a Cadea Humana de Area Negra, recreando a palabra Vidas na praia de Soesto, dez anos despois daquela mítica fotografía que se soprepuxera sobre a marea negra do Prestige. Desta volta foi o fotógrafo Gabriel Tizón o encargado de retratar o momento vital. A acción formou parte das iniciativas que esta fin de semana pon a andar a Burla Negra dentro da súa campaña DesPRESTIGE, e que terá continuidade mañá no DesCONCERTO EXPANSIVO coa celebración de case cincuenta actos culturais simultáneos en toda Galiza, na lembranza da catástrofe do Prestige e tamén do movemento social ao que deu lugar. O proxecto Dés-EDUCA-ACCION, no que se inclúea a acción, arrincou hoxe venres no Auditorio de Laxe por volta das 10.30h. O proxecto toma como pretexto a lembranza e homenaxe da Cadea Humana organizada en Xaneiro de 2003 polo colectivo de mestres e mestras Area Negra, na que máis de 35.000 alumnos e alumnas uniron coas súas mans as vilas de Laxe e Muxía.

O acto contou coa presenza de varios participantes daquela iniciativa como as mestras e mestres de Area Negra Concha da Veiga, Puri Cabido, Montse Sánchez e Brais da Cabuxa e os exalumnos Brais Fernández, Carlos Carracedo, Alberto Galego, Beatriz Lema, Victor Mira e Sara Torreiro que relataron para as novas xeracións o que foi aquela experiencia e actuaron como mestres de cerimonias xunto a varios artistas como Miguel de Lira, Víctor Mosqueira, Carlos Blanco, Uxía Senlle, Mónica García e Mini e Mero, apadriñando aos cinco institutos participantes, o IES Cachada de Boiro, o IES Terra do Xallas de Santa Comba, o IES de Baio, o IES Antón Fraguas de Santiago e o CPI de Laxe. Grupos de alumnos e alumnas de cada instituto realizaron sobre o palco diversas montaxes teatrais e performáticas a propósito da Catástrofe do Prestige, que permitiron a rapaces e rapazas tomar conciencia do que foron aqueles días negros de hai dez anos e da grave conmoción ambiental e social que provocaron. A cultura recuperou hoxe en Laxe, grazas a eles e a elas, ese sentido do comunitario e do compromiso cívico que naquela época foi cerna activa do movemento social.

Cada centro recibiu dos seu padriños unha maleta da Cadea Humana con diverso material textual e audiovisual sobre a catástrofe do Prestige. As maletas, que servirán de arquivo para a elaboración de traballos e unidades didácticas circularán por diversos institutos de ensino secundario do país durante todo o ano, recollendo as contribucións e os proxectos elaborados polos alumnos e alumnas de todos os centros.
Despois do acto, os máis de douscentos alumnos dos cinco centros reuníronse na praia de Soesto con Brais Fernández de Xandovela, onde os recibiu o sol e un fermoso arco da vella entre o mar e a montaña, para recrear a célebre fotografía aérea da palabra Vida realizada en 2003 polos participantes da Cadea Humana, engadíndolle un S final que quere simbolizar a evolución vital de todos aqueles alumnos e alumnas logo destes dez anos.

O xornalista e realizador Miguel Fernández aproveitou a xornada para filmar a experiencia e integrala dentro do documental que prepara xunto con Miguel de Lira sobre os dez anos da Cadea Humana. E pola súa banda o fotógrafo Gabriel Tizón, quen cubriu todo o acto próximamente dispoñible na web da Burla, realizou na praia de Soesto retratos de persoas que participaron hai dez anos en labores de voluntariado e activismo social relacionado coa catástrofe do Prestige.


Ningún comentario:

Publicar un comentario